Ribadavia avanza na dinamización do comercio local e na rehabilitación do casco vello

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Concello de Ribadavia celebrou unha nova reunión da Mesa Local de Comercio, na que participaron o director xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Gabriel Alén; Mari Luz Expósito (Segunda Tenente Alcalde de Ribadavia, Concelleira de Obras, Urbanismo, Medio Ambiente e Vitivinicultura, e presidenta da Mesa Local de Comercio); Julia Gómez (representante da Asociación de Consumidores e Usuarios do Ribeiro – ACUR); Raúl Mato (Presidente de Establecementos Asociados do Ribeiro – EAR); Isabel Rodríguez (técnica do EAR); José Iván Martínez (técnico do Concello de Ribadavia) e Erundina Pumares (responsable da Oficina Municipal de Información ao Consumidor – OMIC).

O alcalde, César Fernández, aproveitou a ocasión para explicar en detalle o plan de dinamización do comercio no casco histórico de Ribadavia, que foi tratado a semana pasada co conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta, José González. Este plan contempla melloras nas infraestruturas comerciais e a promoción da dixitalización do comercio tradicional, co obxectivo de fortalecer o tecido comercial e atraer tanto a veciños como a visitantes.

Durante o encontro aprobouse o programa de actividades dos Espazos de Activación Comercial (EAR) para o ano 2025, que inclúe diversas accións de promoción e dinamización propostas pola asociación de comerciantes para impulsar o comercio local ao longo do ano. Entre elas están a de “Benvida Primavera”, que se realizará xa este mes de marzo en colaboración co Concello e na que se agasallarán plantas e sacas a aquelas persoas que presenten un ticket de compra con determinado importe mínimo no comercio local.

“Tamén se continuarán coas colaboracións habituais como coa Mostra Internacional de Teatro”, explica a concelleira e presidenta da Mesa Local de Comercio, Mari Luz Expósito. Así mesmo, chegarán máis adiante os “Bonos Comercio” postos en marcha dende o eido local e, cando se aproxime a vendima, os comercios da capital do Ribeiro porán en marcha a súa campaña de promocións e agasallos arredor desta tarefa propia das zonas vitivinícolas. Ademais, a reunión serviu para trasladar aos comerciantes e representantes dos consumidores as liñas estratéxicas do programa de dinamización do comercio que o Concello de Ribadavia porá en marcha neste ano en colaboración coa Xunta de Galicia.

Por outra banda, a Xunta de Galicia anunciou que o Plan Rexurbe de rehabilitación de vivendas recibiu cinco ofertas para a rehabilitación dun edificio situado na rúa García Boente, no casco vello de Ribadavia. Esta actuación permitirá a creación de cinco novas vivendas cun investimento de 1,7 millóns de euros, contribuíndo así á recuperación patrimonial e á revitalización da zona histórica do municipio. O Concello de Ribadavia reafirma o seu compromiso co comercio local e co desenvolvemento urbano sostible, colaborando coa Xunta de Galicia en proxectos que melloren a economía local e a calidade de vida dos seus cidadáns.