No congreso da agrupación local barquense celebrado esta tarde e que a partir de agora encabezará Inmaculada Rodríguez
· Inmaculada Rodríguez acepta esta nova responsabilidade “con moitas gañas de traballar”, o que segundo explicou significa “facer unha escoita activa da veciñanza para coñecer as súas inquedanzas, pero tamén escoitar á militancia para mellorar e ampliar o partido”
· O presidente provincial lanzou unha chamada á responsabilidade e o compromiso, pedindo intensidade no traballo para deseñar iniciativas que respondan ás necesidades das xentes “e conseguir que o Partido Popular do Barco sexa a formación política que máis se pareza á veciñanza”
6, marzo, 2025. Inmaculada Rodríguez García (O Barco, 1974) foi elixida como nova presidenta do Partido Popular no Barco de Valdeorras durante o congreso da agrupación local celebrado esta tarde na vila, coa presenza do presidente provincial, Luis Menor.
Trala proclamación como presidenta, Inmaculada Rodríguez agradeceu o apoio recibido por parte da militancia, así como tamén por parte da dirección provincial, asegurando que aceptaba esta nova responsabilidade “con moitas gañas de traballar”, o que segundo explicou significa “facer unha escoita activa da veciñanza para coñecer as súas inquedanzas, pero tamén escoitar á militancia para mellorar e ampliar o partido”.
A nova presidenta local entende que a palabra clave para a etapa que agora se abre no partido é confianza, “xa que só desde a confianza no noso partido seremos quen de ofrecer solucións ás nosas xentes”.
Rodríguez, profesional do sector do turismo, tivo no seu discurso palabras de recordo para a súa nai, Elena García, que foi concelleira no Barco de Valdeorras entre 1999 e 2003 e da que aprendeu, dixo, “a motivación pola política, que agora se intensifica”.
Na clausura do congreso, o presidente provincial, Luis Menor, agradeceu a Inmaculada Rodríguez e o seu equipo este paso adiante “para liderar unha nova etapa do partido no Barco”, afirmando que vía ilusión e gañas por comezar “unha dinámica de traballo que debe ter por obxectivo preparar as eleccións municipais de 2027”.
Con todo, o presidente provincial lanzou unha chamada á responsabilidade e o compromiso, pedindo intensidade no traballo para deseñar iniciativas que respondan ás necesidades das xentes “e conseguir que o Partido Popular do Barco sexa a formación política que máis se pareza á veciñanza”.
Para Luis Menor é básico trasladar á cidadanía ilusión polo cambio, “que hai un novo proxecto para este concello e para revitalizar a súa condición de capital de comarca”. Un obxectivo que só pasa por “estar en permanente contacto coas xentes, abrindo o partido”, e incorporando a todas aquelas persoas que desexen participar nunha nova etapa.
PRIMEIRO DOS CINCO CONGRESOS CONVOCADOS
O congreso do Barco de Valdeorras foi o primeiro dos cinco conclaves xa convocados polo Comité Executivo e cos que se inicia na provincia un calendario congresual que ten como finalidade a renovación das agrupacións locais.
A lista de convocatorias xa aprobadas completase cos próximos congresos de Toén, Maside, A Bola e Cenlle. Estas citas serven para consolidar a dinámica de traballo do partido con órganos de dirección democraticamente elixidos entre os afiliados.