O BNG demanda uns orzamentos máis ambiciosos para Celanova

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Ernesta Seoane, portavoz municipal do BNG de Celanova,  insistiu na importancia de que os orzamentos fosen máis sociais e sostibles, e que se orientasen de maneira efectiva ás demandas da cidadanía e do persoal do municipal.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Celanova, 7 de marzo de 2025. Durante a sesión plenaria celebrada na mañá deste venres, o BNG fixo un chamamento ao Goberno Municipal e convidouno a ser máis ambicioso e a pensar máis a longo prazo, para construír un verdadeiro proxecto de futuro para Celanova.  

Para Ernesta Seoane, portavoz municipal do BNG, os orzamentos municipais para o ano 2025 non responden ás expectativas e necesidades da veciñanza e non contemplan un proxecto de desenvolvemento da vila e de mellora substancial dos servizos municipais. A formación nacionalista tamén insistiu na importancia de que os orzamentos sexan máis sociais e sostibles, e que se orienten de maneira efectiva ás demandas da cidadanía e do persoal do municipal.

O BNG sinalou que o concello de Celanova ten que soportar e facer fronte cos seus propios recursos a unha serie de competencias impropias e que non lle corresponden á entidade municipal, senón que lle corresponden á Xunta de Galiza do PP. Ante este abandono da Xunta, é o concello quen ten que empregar recursos propios para afrontar competencias da Xunta como os servizos sociais, co servizo de axuda no fogar á cabeza, as escolas infantís ou o servizo de extinción de incendios , entre outros, e eses son recursos que o concello debería destinar a cuestións da súa competencia, como os servizos municipais.

Aínda que o BNG mantén unha posición crítica respecto aos orzamentos propostos polo goberno municipal, tamén recoñece a importancia de contar cun orzamento aprobado para evitar a prórroga dos anteriores, feito que complicaría a xestión municipal, limitaría a capacidade de resposta do goberno local e a veciñanza sufriría as consecuencias. Por iso, a formación nacionalista optou por unha abstención, buscando non ser un obstáculo para que Celanova dispoña dun marco orzamentario en 2025.

O BNG reafirmou o seu compromiso de fiscalizar a execución orzamentaria e de presentar propostas para optimizar a xestión dos recursos públicos. A súa posición, subliñan, non é un cheque en branco, senón un firme compromiso de traballar por unha Celanova con máis oportunidades e servizos.

Ernesta Seoane sostén que “o BNG entende a política como ferramenta de solución aos problemas e de avance social para Celanova e para o país, e actuaremos en consecuencia, pois para a veciñanza de Celanova será mellor ter estes orzamentos aprobadas, aínda que non sexan os orzamentos que o BNG faría”