O Concello do Carballiño vén de facer público o itinerario da que será a 11ª edición da andaina solidaria ‘O Carballiño camiña pola igualdade’, que terá lugar o vindeiro domingo, 16 de marzo, dentro da programación elaborada pola área municipal de Igualdade e Servizos Sociais que dirixe a concelleira Silvia Baranda. Nesta ocasión, os participantes poderán entregar os seus donativos á Asociación Española Contra o Cancro (ACEC) no intre de recollder os seus dorsais, antes da comezo desta actividade, cuxa saída está prevista para as 10,00 horas dende a Praza Maior da vila.
Cun percorrido aproximado de 12 quilómetros, a ruta iníciase na Praza Maior, pasando pola rúa Rosalía de Castro e seguindo pola Praza do Emigrante e as rúas Avellanosa e Parrondo, ata chegar a avenida do Balneario e continuar pola rúa dos Carboeiros e baixar pola rúa Viñao ata o sendeiro do río Arenteiro. Dende o Gran Balneario e A Toscaña seguirase ata a fábrica de papel da Lavandeira e Muíño das Lousas, para subir cruzando o pobo de Miomás ata Pena Cobertoira.
Logo comezará a baixada ata o cruceiro de Sagra, onde estará ubicado o punto de avituallamento, para continuar ata o núcleo de Seara e enlazar o Camiño dos Arrieiros no Corval para chegar ao Penedo. Dende alí collerase a estrada ata O Carballiño, entrando no casco urbano pola rúa Solana e dende alí seguir pola rúa Corral ata o cruce de Ribadavia e subir pola rúa Mosquera ata a Praza Maior.
As inscricións para participar nesta andaina están abertas ata o vindeiro xoves, día 13 de marzo, no correo cim@carballino.gal, no teléfono 988.531.076 ou nas propias oficiñas do departamento de Servizos Sociais, ubicadas no número 10 da rúa Faustino Santalices.