Luis Menor destaca o “salto cualitativo” que suporá a dixitalización de viñedos no Ribeiro, grazas a un sistema “pioneiro en Galicia” no que a Deputación inviste 20.000 euros

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O presidente provincial, acompañado pola presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Concepción Iglesias, así como alcaldes da zona, percorreu unha das zonas vinícolas na se aplicará esta ferramenta dixital novidosa, da que se beneficiarán 17.000 parcelas

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A Deputación leva investidos máis de 200.000 euros en materia de promoción do sector vinícola na provincia dende que se iniciou o mandato actual

Luis Menor puxo en valor a “aposta pola modernidade” do Consello Regulador

Concepción Iglesias amosou o seu agradecemento coa institución provincial e lembrou as “dificultades” de dixitalizar unha zona tan extensa como a do Ribeiro

Ourense, 11 de marzo de 2025.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou esta mañá na presentación oficial dun sistema pioneiro de dixitalización de viñedos no Ribeiro, proxecto subvencionado pola institución ourensá con 20.000 euros, no marco das axudas destinadas á promoción do viño no conxunto da provincia, que neste mandato actual ascenden a máis de 200.000 euros de investimento para diversas actividades.

O proxecto presentado hoxe permitirá ao Consello Regulador dispoñer de distintas aplicacións conectadas a unha única base de datos central, que vinculará tódolos procesos dixitalizados e será ampliable a medida que a D.O desexa abrir servizos a viticultores e bodegas. Deste xeito, simplifícanse os procesos actuais e favorécese a disposición da máxima información posible das parcelas -incluso das abandonadas-, nun único sistema.

Ademais, esta nova ferramenta permitirá maiores facilidades na cesión, o aluguer ou a compra de terreos para os viticultores, xa que se trata de tecnoloxía de vangarda que ofrece unha visualización das parcelas óptima.

Durante a presentación no Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, o presidente provincial aproveitou para poñer en valor a “cooperación” como a senda a seguir dende a Deputación, para que sectores coma o do viño dean “un salto cualitativo” con ferramentas novidosas coma a que se estrea, “pioneira en Galicia”, resaltou.

O presidente provincial, acompañado pola presidenta do Consello Regulador do Ribeiro, Concepción Iglesias; alcaldes da zona, viticultores e bodegueiros, percorreron viñas en Barxalonga, Beade, onde o responsable informático, Antoni Antés, explicou aos asistentes o funcionamento desta aplicación dixital, que é a primeira vez que se implanta nunha denominación de orixe galega, tralo seu éxito en zonas vinícolas de Cataluña.

Despois de probar a aplicación sobre terreo, os asistentes reuníronse na sede do Consello Regulador, en Ribadavia, onde Luis Menor sinalou o apoio da Deputación ao sector vinícola, “unha das actividades económicas estratéxicas da nosa provincia”.

O presidente provincial destacou os beneficios que suporá esta nova ferramenta para os profesionais do sector e a “aposta pola modernidade e o progreso” que supoñen esta e outras iniciativas, nunha zona histórica como O Ribeiro, da man do Consello Regulador.

Un sistema novidoso para 17.000 parcelas

A presidenta do Consello Regulador da D.O Ribeiro, Concepción Iglesias, amosou o seu agradecemento á Deputación de Ourense por subvencionar este sistema. Iglesias destacou as “dificultades” que supón dixitalizar unha zona vinícola coma O Ribeiro, sinalando que son “máis de 17.000 parcelas as que se beneficiarán desta ferramenta”.

Este proxecto dixitalizador do rexistro vinícola vai permitir xestionar información actualizada de todas esas parcelas, facilitando a modernización do sector.–