O Centro Comercial Aberto do Carballiño (CCA) lanzou unha nova campaña co obxectivo de promover as compras no comercio local durante as xornadas previas ao vindeiro 19 de marzo, no que se festexa o Día do Pai, e así premiar a fidelidade da súa clientela. Esta iniciativa conta co financiamento da Xunta de Galicia, reforzando o compromiso co desenvolvemento económico da nosa vila. A campaña vénse desenvolvendo dende o pasado luns, día 10, e rematará na propia xornada do 19 de marzo, co incentivo de poder optar ao sorteo de dous vales de compra por valor de 50 euros cada un e dous lotes de produtos ‘gourmet’.
Para poder participar neste sorteo os clientes que realicen compras nos establecementos asociados durante este periodo deberán rexistrar os seus tickets ata o vindeiro mércores, día 19, na páxina web do CCA (comerciocarballino.com) ou escaneando o código QR que figura nos cartaces identificativos de cada comercio. O sorteo levarase a cabo ese mesmo día, ás 12,00 horas e será transmitido en directo polas redes sociais da agrupación de comerciantes.
O presidente do CCA, Julián Garriga, subliñou que “para agasallar, xa saben que poden atopar todo o que precisan nos negocios do Carballiño, que agardan contar coa súa fidelidade unha vez máis. Para sorprender aos papás na nosa vila atoparán de todo, xunto a un trato personalizado e próximo e tamén asesoramento”. Pola súa banda, a xerente do CCA, Noelia Mares, engadiu: “Animamos á nosa veciñanza a celebrar este importante día. A nosa hostalería conta cunha ampla oferta e con pratos moi orixinais e saborosos para desfrutar destas datas en familia”.
Agasallos para os pais coma roupa, calzado, material deportivo, reloxos ou xoias, integran, entre outros, os artigos postos á venda nos establecementos nesta campaña promovida polo Centro Comercial Aberto do Carballiño. Esta iniciativa busca dinamizar a actividade comercial no Carballiño, destacando a calidade e variedade dos produtos e servizos que ofrecen os establecementos locais. O CCA anima a toda a veciñanza e visitantes a participar nesta campaña e a escoller o comercio local para as súas compras do Día do Pai.