O Grupo de Acción Feminista do BNG do Ribeiro organiza unha palestra o vindeiro sábado 15 de marzo para reivindicar o Día Internacional da Muller. O acto terá lugar no antigo Consello Regulador de Ribadavia ás 19,00 horas e reunirá a seis mulleres de distintos ámbitos profesionais para compartir as súas experiencias e reflexións sobre os desafíos aos que se enfrontan polo feito de ser mulleres.
As participantes serán Dori, copropietaria de Adegas Celme; Mercedes Tobío, membro do Consello Nacional do BNG e Graduada Social especialista en persoas vulnerables; Carmen Quintero, matemática e profesora da UVIGO; Laura Romero, ilustradora e música; Rosa Fernández, muller emigrada na Alemaña, e Raquel Fernández, escritora, gañadora do Premio Xerais de Novela Xuvenil 2024 e cociñeira.
Cada unha delas achegará a súa visión desde a súa traxectoria profesional e persoal, poñendo en valor o papel das mulleres en diferentes sectores e evidenciando as dificultades que aínda persisten na sociedade. Este evento, promovido polo Grupo de Acción Feminista do BNG do Ribeiro, reafirma o compromiso da organización coa loita pola igualdade de xénero e o recoñecemento das mulleres en todos os ámbitos da vida social e laboral.