Varela, Lopez, García, Traila e Daparte os gañadores no espectacular inicio do campionato Xunta de Galicia de autocross en Arteixo

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

David Varela, Jon Ander López, Diego García, Joao Traila e Ethan Daparte foron os primeiros gañadores da tempada no Campionato Xunta de Galicia de Autocross, que este sábado 15 de marzo comezou no circuito de Arteixo con máis de 80 equipos na liña de saída.

Un inicio de certame prometedor cun excelente clima no circuito coruñés, o que fixo que abundante público se achegase a desfrutar dunha xornada de competición apaixoante. Nesta ocasión debido ao grande número de inscritos e para permitir a celebración de todas as finais a duración das mesmas reduciuse a cinco voltas.

Na Clase I, reservada a vehículos de -2000 centímetros cúbicos, triunfo para David Varela (Peugeot 306), que aventaxou na manga final en cinco segundos a Manoel Felípez (Citroën Saxo) e en 14 a Eloy Castro (Citroën Saxo).

Jon Ander López (Citroën Saxo) foi o mellor na final da Clase I, para vehículos de +1600 centímetros cúbicos. Tras López situáronse Iván Fernández (Peugeot 206) e Rubén Pico (Peugeot 206), a 3.7 e 5.8 segundos, respectivamente.

A clase III, reservada a carcross, foi a máis numerosa da primeira cita do Campionato Xunta de Galicia de Autocross, con máis de 40 equipos participantes. Nesta ocasión o triunfo foi para o xoven piloto Diego García, que no LifeLive superou por apenas un segundo a Darío Calviño (Yacar) e 2.1 a Ioritz Zalloetxebarria. Completaron os cinco primeiros clasificados Marco Matador e Josep Arque.

Precisamente Marco Matador foi o primeiro clasificado na Copa MRF Senior, seguido de Josep Arque e Carlos Domínguez.

Joao Traila foi o gañador da final dentro da Clase V, reservada a carcross júnior. O piloto luso superou a Óscar Fuertes e a Lolo Bermúdez, ambos sobre Lifelive en 1,3 e 1,9 segundos, respectivamente.

Rodrigo Suárez, na cuarta praza, foi o gañador da Copa MRF Júnior, seguido de Daniel Cierto e de Adrián Fernández.

O becado da FGA, Xaquín Corbal, non puido completar a súa carreira de debut.

Por último entre os participantes da Clase VI, reservada a buggies, primeiro posto para Ethan Daparte, con Carlos Mallo a unha volta.

A segunda proba do Campionato Xunta de Galicia de Autocross terá lugar no circuito de O Castro os días 25 e 26 de abril.