O salón de plenos do Concello do Carballiño albergou a primeira mesa de traballo para a posta en marcha dun club de produto turístico de base gastronómica. A xuntanza, que reuniu a máis dunha vintena de representantes do tecido empresarial e asociativo da vila e da contorna, supón o punto de partida dun proceso participativo mediante o cal se dará voz ás cadeas de valor turística e enogastronómica na definición das principais liñas mestras do futuro club de produto.
Esta iniciativa, impulsada ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “O Carballiño e a gastronomía do polbo” financiado pola Unión Europea NextGenerationEU, ten como obxectivo consolidar O Carballiño como un destino turístico sostible, innovador e referente no eido gastronómico. O polbo, recoñecido como un símbolo da cociña galega, e cun percorrido histórico que avala o seu recoñecemento como referente gastronómico do Carballiño convértese no eixe principal desta actuación. Búscase non só realzar a importancia cultural e histórica do polbo, senón tamén fortalecer a conexión e complementariedade con outro produtos da contorna, como o viño da Denominación de Orixe do Ribeiro e o pan da Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea.
Esta primeira xornada de traballo organizouse en catro grupos que debateron sobre a situación actual do turismo no Carballiño, a través da análise das principais fortalezas e ámbitos con marxe de mellora. Os resultados extraídos desta primeira dinámica grupal serán de especial utilidade á hora de definir os obxectivos e liñas de traballo do futuro club de produto.
A creación do ‘Club de produto enograstronómico do Carballiño’ é o primeiro paso das institucións local, provincial e autonómico para a posta en marcha do Plan de Sostibilidade Turística centrado na figura do pulpo como referente nacional e internacional. Esta iniciativa está pensada para potenciar o atractivo turístico non só do municipio carballiñés senón tamén da súa contorna xeográfica, así como salientar a excelencia dos seus produtos e a riqueza da oferta gastronómica.
A posta en marcha deste club é unha das iniciativas contempladas no Plan de Sostibilidade Turística do Carballiño, cun investimento aproximado de 45.000 euros, que se complementará con outros 60.000 euros destinados a unha campaña de visibilización do traballo das pulpeiras e os pulpeiros de Arcos. O Plan, que ascende a un investimento total dun millón de euros, tamén prevé, a nivel local, a ampliación do paseo fluvial do Arenteiro dende a contorna da Ponte Veiga ata O Bañiño de Arcos, cun orzamento de 75.000 euros, e a reconstrucción do muíño e da maquinaria do futuro Museo do Papel de Galicia, cun investimento de 165.000 euros.
Ademais, realizarase unha intervención de saneamento da masa forestal do Parque Municipal e contorna do río Arenteiro, cunha partida de 150.000 euros, mentres no camping municipal acometerase a instalación de sistemas de subministro con enerxía solar e de eficiencia térmica, con 145.000 euros.