Ourense, martes 2 de setembro, 2025_ A xunta directiva da CEO celebrou esta tarde reunión extraordinaria para designar -conforme establece o artigo 31 dos seus estatutos- ao representante da entidade, elección que recaeu por maioría unánime en César Blanco Gómez, ata o de agora vicepresidente da Confederación desde 2019.
César Blanco substitúe así a Marisol Novoa, tristemente falecida o pasado 14 de agosto, ata a celebración das próximas eleccións, que deberán ter lugar nun prazo máximo dun ano, segundo indica o mesmo artigo.
Ao aceptar o cargo, César Blanco, agradeceu aos presentes a confianza depositada e tivo un emotivo recordo cara á súa antecesora, destacando a gran achega e legado que Marisol Novoa deixou na Confederación durante os seis anos que estivo á fronte da mesma.
César Blanco, natural de Nogueira de Ramuín, mostrouse con total dispoñibilidade e vontade para continuar traballando polo tecido empresarial da provincia, dando continuidade aos proxectos iniciados no mandato anterior e afrontar os retos que o colectivo ten na provincia.
Segundo marcan os estatutos, o mandato de César Blanco será de carácter transitorio, cunha duración máxima dun ano, ata a convocatoria das próximas eleccións nas que se elixirá ao presidente da entidade.