O Psoe denuncia o gasto “innecesario” en iluminación da Deputación

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, vén de adxudicar a dedo e ás agachadas á empresa Ingelector SL, un contrato co que gastará, en plena pandemia, 40.690 euros en 74 luces artísticas para autoiluminarse logo de, por exemplo, rexeitar incrementar o importe de fondos que a institución destina en axudas a pemes e autónomos, tal e como reclamaron os socialistas durante o pleno de maio.

O pasado 2 de xuño, Baltar impulsaba esta contratación sen concurso público e daba “orde” para que “se curse invitación para participar no expediente” a esta empresa con sede na terceira cidade de Galicia. O fin último do contrato é a “iluminación escénica” da corporación durante os plenos que, nun espazo de só 165 metros cadrados repleto de grandes fiestras en tres das súas catro paredes, pasarán a estar alumeados por 74 novos focos inhalámbricos e orientables que custarán case 500 euros por unidade.

AVANTAR ACTIVIDADES

O deputado provincial, Nacho Gómez, denuncia que estamos ante “unha nova falcatruada e unha nova iluminación do señor Baltar” que “vén de aprobar un despilfarro sen sentido e sen que ninguén lle presentara a necesidade” dunha “obra a dedo escondida entre as moitas que da a dedo”. “Cada foquito, entre material, traballos e beneficio industrial custará aos ourensáns preto de 500 euros”, advirte o deputado antes de recordar que “estes traballos poderían facelos perfectamente calquera dos operarios de mantemento que hai na deputación, tal e como facemos nós na casa”.

Gómez advirte dun “prezo moi por riba do habitual nestas luminarias” e destaca que o custe total “dunha cousa que non é necesaria mais aló da cabeza deste egocentrista” porque o único fin é que “as televisións o recollan mellor a el” xa que “hai vilas completas que renovan a súa iluminación por menos cartos”. Gómez destaca que “é necesario que a indignación dos cidadáns ante este tipo de despilfarros se volva en contra do señor Baltar e dos seus socios de DO, que agora apoian este tipo de falcatruadas que antes tanto denunciaban”.

O deputado tamén denuncia a “censura” do goberno provincial tras denegar ao PSdeG-PSOE o uso do salón de plenos, a pesar de pedilo por escrito con antelación suficiente en base a disposto no regulamento orgánico da institución, co fin de informar sobre estes feitos. A norma dispón no artigo 13 que “os grupos políticos provinciais terán dereito á utilización de locais de titularidade da Deputación Provincial, para reunións con persoal, colectivos ou entidades da provincia. Para tal efecto, deberán solicitarlle á Presidencia o uso do dito local coa suficiente antelación, o cal se autorizará agás nos casos en que os ditos locais deban ser utilizados para o funcionamento dos servizos provinciais”.

A Deputación de Ourense xustifica por escrito este avultado malgasto na “necesidade de crear un entorno visual confortable e que favoreza a captación de imaxes e a retransmisión televisiva” e asegura que esta “iluminación escénica” pretende “conseguir o equilibrio óptimo entre os requirimentos dos actos, as consideracións arquitectónicas e a eficiencia enerxética da instalación”.