O conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, participou esta mañá nunha reunión co comité de empresa na que trasladou que a Autoridade Laboral enviará hoxe mesmo unha advertencia a Alcoa ante o novo contexto no que existe un posible investidor
Goberno autonómico e comité coinciden na necesidade de que o Goberno achegue transparencia e solicitan a convocatoria da mesa industrial onde se coñezan as ofertas recibidas, nomeadamente a presentada por Liberty House
Inciden na importancia de fixar un prezo eléctrico estable e competitivo que dea viabilidade á planta da Mariña
Conde lembra que existen medidas que Goberno e Alcoa poden adoptar para que, sen parar as cubas, se chegue a un entendemento co posible comprador
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, mantivo un encontro co comité de Alcoa para avaliar a situación actual e como afrontar os próximos días de cara a atopar unha solución para o mantemento do emprego e da actividade. Así, Xunta e traballadores acordaron solicitar a Alcoa que desista de seguir adiante co ERE para que todas as partes implicadas poidan reunirse na mesa onde identificar unha saída que dea continuidade á planta.
O Goberno autonómico reproba a actitude tanto do Executivo central como da empresa, o primeiro por ocultar información e a segunda por non poñer todos os medios ao seu alcance para chegar a un entendemento: “Agardamos que non haxa un acordo encuberto entre o Goberno e Alcoa para pechar”, afirmou o conselleiro. Neste sentido, Conde pediu transparencia ao Executivo -xa que recibiu máis propostas de compra- e incidiu na necesidade de contar cun prezo eléctrico estable e competitivo que garanta a viabilidade da planta: “Cun prezo eléctrico competitivo Alcoa San Cibrao é viable, sen el non hai posibilidades”, asegurou. Por iso, reiterou a petición da Xunta de convocar a mesa industrial con todas os axentes para coñecer, con transparencia, a información que ten o Goberno e para que este ofreza certezas tanto no eido enerxético como no das ofertas recibidas.
En canto á multinacional, Conde incidiu en que estamos ante un novo contexto no que existe un posible comprador que fai necesario que se retire o ERE e non se paren as cubas para poder explorar esta oferta. Así, tal e como informou, hoxe mesmo a Autoridade laboral presentará unha advertencia para intentar paralizar o ERE. “A Xunta non vai admitir esta situación e impulsaremos as medidas que permitan paralizar a posición de Alcoa”, anunciou Conde quen lembrou que a empresa ten medios suficientes para lograr un acordo e lembrou que pode recorrer ao fondo de solvencia para empresas estratéxicas para que o Goberno poida intervir de xeito temporal a empresa e outorgar máis tempo para que Alcoa e o posible comprador cheguen a un entendemento.
Conde, que volveu mostrar o seu apoio ás mil familias que dependen da decisión de Alcoa San Cibrao, puxo de novo a disposición das partes os medios cos que conta en materia industrial e enerxética: “Galicia leva moitos anos comprometida con Alcoa e merecemos un trato diferenciado por parte da empresa e do Goberno”, concluíu.