O autóctono Porco Celta protagoniza unha tese doutoral

Presentada na Facultade de Veterinaria de Lugo por Iván Manuel Rodríguez Paz, o seu percorrido pola evolución da raza Porco Celta desde os inicios da súa recuperación ata a actualidade fixo que acadara a cualificación de sobresaínte cum laude.

A Facultade de Veterinaria de Lugo acolleu o pasado venres 30 de outubro a presentación da tese doutoral “Características produtivas da canal e da carne na raza autóctona porcina Celta” de Iván Manuel Rodríguez Paz, veterinario e director técnico da Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel).

AVANTAR ACTIVIDADES

O tribunal composto por Daniel Franco Ruíz, xefe de Investigación do CTC, como presidente; Gonzalo Fernández Rodríguez, profesor titular do departamento de Patoloxía Animal da USC e decano da Facultade de Veterinaria, como secretario, e Inmaculada Orjales Galdo, profesional veterinaria clínica, como vogal, cualificou o traballo de sobresaínte cum laude.

A tese, centrada nos traballos de investigación sobre a raza Porco Celta, desenvolveuse baixo a dirección do profesor do departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas da USC Antonio Iglesias Becerra, do profesor do departamento de Patoloxía Animal da USC Víctor Pereira Lestayo e do profesor do departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo José Manuel Lorenzo Rodríguez.

As conclusións do traballo de Iván Rodríguez fan un percorrido pola evolución da raza dende os inicios das tarefas de recuperación ata a actualidade, na que se constata un incremento desta actividade gandeira e na que tamén comeza a gozar de certo prestixio comercial.

A IMPORTANCIA DA XENÉTICA

A tese constata que nos inicios desta recuperación levouse a cabo unha avaliación da información de pedigree da raza que permitiu coñecer a variabilidade xenética e a consanguinidade existentes, asunto de relevante importancia dado o reducido número de exemplares a partir dos que se iniciou a recuperación da raza.

Neste asunto quedou patente a relevancia que ten a existencia do Libro Xenealóxico e a importancia da boa xestión do mesmo, xa que é unha ferramenta básica para identificar e rexistrar a todos os animais, relacionalos cos seus ascendentes e descendentes e valoralos segundo as súas características raciais. Ademais, permite dirixir os cruzamentos entre os exemplares coas menores porcentaxes de parentesco, cuestión fundamental para asegurar o crecemento dos rabaños.

O autor da tese, Iván Rodríguez, sinala que “non hai mellor maneira de conservar o material xenético que conservando os rabaños de animais dos gandeiros dedicados á cría desta raza”, e se ben se creou un banco de xermoplasma para conservar para o futuro o patrimonio xenético desta raza, “é imprescindible traballar no aumento dos censos de animais e das ganderías que se dedican á súa cría para garantirlle a supervivencia como raza. Sen embargo, a este respecto, non cabe dúbida tampouco que, para acadar este fin, as granxas de Porco Celta teñen que resultar sostibles e rendibles por si mesmas, cuestión na que xoga un papel importante a fase última de comercialización da carne e produtos derivados”, engade.

RENDIBILIDADE DAS GRANXAS

Aínda que hai moitos criterios produtivos que inflúen de maneira moi relevante na rendibilidade final da actividade, como pode ser a xestión da alimentación dos animais, non só porque representa un dos maiores custos na produción das granxas, senón porque repercute nos tempos de cebado e nas características nutricionais e organolépticas das carnes que se obteñen, este tema foi e está a ser obxecto de estudo en numerosos traballos de investigación, desenvolvemento e innovación, cos que se busca determinar a calidade da canal e das carnes ás que o Porco Celta dá lugar, así como analizar a influencia nos produtos finais de diferentes factores como a idade de sacrificio e o sistema de explotación en réxime extensivo.

“Outro dos aspectos que define a optimización da produción é a implantación dunhas boas prácticas sanitarias, de hixiene e profilaxe, que cobran a máxima relevancia nos sistemas de aproveitamento silvopastoril que se empregan na cría destes porcos, dada a existencia de maiores riscos derivados do contacto coa fauna silvestre e nos que resulta imprescindible perseverar en manter unhas boas medidas de bioseguranza”, afirma Rodríguez Paz.

PRODUTOS DA RAZA E BONDADES SOCIOECONÓMICAS

Tras o acometido dunha boa produción primaria ten que haber un bo respaldo nos mercados que garanta o rendemento económico para os gandeiros e, neste senso, indica Iván Rodríguez, “é unha vantaxe que o porco sexa un referente de excelencia gastronómica en Galicia, onde tradicionalmente dá lugar a numerosos e moi variados preparados que, como non podía ser doutro xeito, tamén existen da raza Porco Celta, xa tipificados tamén nalgún estudo anterior”.

A caracterización comercial da raza, segundo sinala outra das conclusións da tese, vén dada polo asentamento, a partir do ano 2016, da marca de calidade 100 % Raza Autóctona Porco Celta que ampara os produtos desta raza nos espazos comerciais, garantindo a orixe e a trazabilidade, ao tempo que aporta unha imaxe recoñecible e inequívoca  para o consumidor, cara ao que van dirixidas numerosas accións de difusión e promoción coa intención de fomentar o coñecemento da raza e a demanda da súa carne.

Ademais, segundo subliñou o autor “o binomio Porco Celta-monte galego vén a aportar solucións socioeconómicas e medioambientais para o noso entorno, xa que é unha actividade económica viable nas zonas xeográficas máis desfavorecidas, nas que combate o despoboamento rural e crea emprego, mentres axuda ao mantemento da paisaxe característica e prevén dos incendios forestais”.

Finalmente, Rodríguez Paz remarcou que “non son poucas as razóns para traballar no mantemento e crecemento desta raza autóctona”, motivo polo cal a súa intención é dar continuidade a esta tese coa edición posterior dun libro, pois considera que “é un traballo que pode ser útil para seguir impulsando o crecemento da raza e o seu estudo e para poñer en valor cada día un pouco máis todas as vantaxes que nos reporta”.