Os usuarios do novo Carné Xove deben activalo nun dos puntos habilitados

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe a oficina de información xuvenil de Bande, un dos espazos habilitados para a activación do novo Carné Xove. Alí lembrou que as mozas e mozos de entre 12 e 30 anos que están a recibir esta tarxeta nas súas casas de xeito gratuíto deben activalo nun dos puntos habilitados.

A directora xeral lembrou que os centros nos que se pode solicitar esta activación pódense consultar na páxina web de xuventude. Xunto coa oficina de información xuvenil de Bande, a provincia de Ourense conta con espazos na oficina de información xuvenil de Ourense, no Espazo Xove desta cidade, na oficina de turismo de Monterrei, no Concello de Vilariño de Conso e no Concello da Rúa.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para realizar a activación é preciso solicitar cita previa. Pódese facer por teléfono ou a través do sistema de cita previa habilitado pola Xunta para os diferentes trámites en cada Consellería, no seguinte enlace: https://www.xunta.gal/cita-previa-consellerias

Descontos no pavillón e na piscina

Cristina Pichel salientou que o Concello de Bande ofrece descontos dun 20% no pavillón e na piscina municipal. Ademais, fixo referencia ás novidades introducidas este ano no Carné Xove, entre as que se atopa a eliminación da taxa de 6 euros e a limitación da súa vixencia a dous anos. Así, a tarxeta estase enviando de xeito gratuíto aos 400.000 mozos e mozas de entre 12 e 30 anos e a súa duración é ata a idade máxima permitida, 31 anos.

Estas facilidades inclúense na batería de iniciativas postas en marcha polo Goberno galego o pasado mes de decembro para dar continuidade a este programa xuvenil, que inclúe descontos no ámbito cultural, hostaleiro, transportes, no comercio ou no ensino en máis de 1000 establecementos adheridos. Unhas vantaxes que son recoñecidas en toda España e nos 40 países europeos adheridos ao programa Carné Xove Europeo.