O BNG defendeu os intereses de Galiza no pleno provincial ante os abusos das eléctricas

Varela propuxo a creación dunha empresa pública galega de enerxía que xestionase os encoros con concesións vencidas e cando menos o 20% da enerxía producida polos eólicos instalados en Galiza.

Bernardo Varela, o voceiro do grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense,  presentou ante o pleno do entre provincial a proposta dunha empresa pública  que teña por único obxectivo preservar os intereses económicos, sociais e medioambientais da sociedade galega. 

AVANTAR ACTIVIDADES

“Non é aceptable que os nosos recursos estén en máns dunhas empresas que non respectan o máis mínimo a Galiza, como demostran os baleirados irresponsables deste verán e os peches de industrias como Vestas ou as Somozas, en plena expansión eólica” indicou o voceiro nacionalista.  Ademais “A realidade tornou aínda  máis acuciante a necesidade dunha empresa pública galega de enerxía, pondo de manifesto que dita empresa pública xa non só é estratéxica para Galiza desde o punto de vista enerxético e económico senón tamén medioambiental.” 

A pesar de ser unha proposta que o BNG xa trasladara no mes de xuño, ante a situación de gravidade vivida nestes meses, co baleirado irresponsable por parte das compañías eléctricas do nosos encoros para producir enerxía barata, considerouse preciso replantexar esta proposta aos representantes provincias, que finalmente consideraron unha vez máis, e a pesar do contexto, non apoiala.

Baltar aproba uns orzamentos continuístas co apoio de Democracia Ourensana

Hoxe o PP de Baltar e a Democracia Ourensana de Jácome aprobaron os Orzamentos provinciais para o vindeiro ano 2022, un orzamentos non só continuístas, senón que tamén tóxicos para a provincia de Ourense.

 O BNG demandou ao goberno provincial unha xuntanza de todos os grupos políticos con representación provincial o un de setembro para acordar un consenso acerca das liñas prioritarias que debera atender os orzamentos provinciais, proposta que foi desoída polo PP.

Os orzamentos feitos unilateralmente polo Partido Popular para 2022 son, tal como sinalou o voceiro do BNG, “uns orzamentos continuístas que non atallan os graves problemas que padece esta provincia, cada vez máis despoboada,  avellentada e no que o peche de empresas se volta unha realidade do día a día”. Porén son uns orzamentos  que este ano contaron co apoio acrítico do partido de Jácome, mentres o ano pasado non os apoiaron.

 Para o BNG estes orzamentos discriminan non só aos concellos non gobernados polo Partido Popular, senón tamén a moitos dos concellos gobernados polo propio Partido Popular.

 O BNG  presentou unha alternativa orzamentaria para a xestión da  provincia,  pola cal  repartiría  fondos provinciais por valor de 18 millóns de Euros en base a criterios obxectivos propostos pola FEGAMP.  Unha alternativa que proporcionaría certeza financeira  e atenderías as diverxencia e peculiaridades obxectivas de cada concello. 

 Un modelo de financiamento de Plan Único que xa funciona no resto de provincias galegas, permitindo cumprir tres obxectivos principais, cooperar cos concellos, beneficiar  equitativamente a todos os concellos menores de 20.000 habitantes, resolvendo o déficit de financiación que padecen os municipios ourensás, e garantir anualmente unha cantidade estábel e relevante de fondos que podrían empregar en función das súas prioridades. 

Recuperar as desconexións territoriais da CRTVG

Varela solicitou ao goberno da Deputación Provincial de Ourense que demande e faga as xestións oportunas ante a Xunta de Galiza para que a Radio Televisión de Galicia (RTVG) recupere as desconexións territoriais da provincia de Ourense. 

“Todas as canles públicas e privadas teñen informacións ligadas á provincia de Ourense e precisamente a Radio Televisión de Galicia, que debe ser a máis vencellada ao territorio carece destas desconexións.” Declaraba o voceiro nacionalista, e continuou indicando que  “non ten sentido que a COPE, RNE, Cadea SER, etc teñan desconexións locais, mentres que a RTVG non contempla este elemento informativo de proximidade á cidadanía na súa grella.”

Así solicitou que se demande e se faga as xestións oportunas para que a Radio Televisión de Galicia (RTVG) recupere as desconexións territoriais da televisión pública galega  e os debates e voceiros provinciais.