G. Caballero en Ribadavia apela a un “voto masivo da militancia para o mellor proxecto de esquerdas para gañar Galicia”

G. Caballero pecha a campaña en Vigo apelando a un “voto masivo da militancia para o mellor proxecto de esquerdas para gañar Galicia”

“Co mesmo espírito e compromiso co que a militancia devolveu a Pedro Sánchez á secretaría xeral para facelo presidente do goberno, queremos unha participación masiva en Galicia para seguir avanzando e gañar en Galicia”, subliña

AVANTAR ACTIVIDADES

Compromete catro anos de “fortalecemento, apertura e avance” do PSdeG tras recibir o apoio do alcalde de Vigo

Gonzalo Caballero pecha hoxe a campaña de primarias cun acto multitudinario en Vigo, a súa cidade, ao que preceden encontros coa militancia nas localidades da Illa de Arousa, Ribadavia e Redondela este venres.

Nesta última xornada de campaña, Gonzalo Caballero pediu un “voto masivo da militancia socialista para o mellor proxecto de esquerdas para gañar Galicia”.

“Pido un voto masivo nestas primarias a toda a militancia para avanzar PSdeG e non retroceder, para construír o futuro e non caer nos erros do pasado. Para conseguir, entre todos e todas, que o PSdeG siga avanzando e gañe en Galicia”, recalcou, chamando tamén a “un voto libre, en conciencia e sen ningún tipo de presión”.

E é que, como subliñou Gonzalo Caballero, “eu defendo un proxecto que está na esquerda, que é feminista, ecoloxista e galeguista”. “É un proxecto gañador dentro, coa forza da militancia, para gañar fóra, cos galegos e coas galegas, e acadar a presidencia da Xunta”, remarcou.

Porque, resumiu, “representamos un proxecto de esquerdas e galeguista, que confronta coas políticas de Feijóo e da dereita, que está a carón da militancia e que pensa na xente e nos intereses de Galicia”.

En fronte da “candidatura das bases, da forza, da ilusión, da esquerda, do galeguismo”, Caballero situou “o outro proxecto máis conservador, que implica unha maior conivencia coa dereita e con Feijóo e que está determinado polas baronías do partido”.

“PARA GAÑAR EN GALICIA”

Por iso, apelou a que, “co mesmo espírito de rebeldía e compromiso co que a militancia socialista devolveu a Pedro Sánchez á secretaría xeral para facelo presidente do goberno”, mañá haxa tamén “unha participación masiva” para que “o PSdeG de esquerdas e galeguista siga avanzando e para gañar en Galicia”.

“Porque a participación é a mellor garantía de que o socialismo galego acerte e siga avanzando”, engadiu Gonzalo Caballero, quen destacou a “longa traxectoria de primarias” do Partido Socialista e como estes procesos “enriquécennos e dannos máis credibilidade democrática”.

ACORDO EN VIGO

Ademais, Gonzalo Caballero comprometeu, logo de recibir o apoio do alcalde de Vigo, catro anos de “fortalecemento, apertura e avance” do PSdeG.

O día despois de que ambos selaran un acordo para presentar “unha lista de unidade” de delegados e delegadas ao congreso do PSdeG, Gonzalo Caballero destacou que “o meu proxecto feito de abaixo a arriba ten a capacidade de integrar e de chegar a acordos” para “fortalecer o partido”.

Neste caso, subliñou, “na miña agrupación” e co proxecto que encabeza Abel Caballero e que supón “confrontar con Feijóo e defender á cidadanía”. Por tanto, afondou, este acordo “fortalece ao partido en Galicia”.

CAMPAÑA DE PRIMARIAS

Gonzalo Caballero pecha hoxe unha campaña durante a cal mantivo preto dun centenar de xuntanzas coa militancia socialista polas catro provincias.