A Xunta reforza as axudas ao retorno con máis de medio millón de euros co obxectivo de atender a un maior número de galegos na súa volta a Galicia

A Secretaría Xeral da Emigración reforza as axudas extraordinarias para galegos retornados en 258.000 euros

Tamén aumenta a partida para os retornados emprendedores, con 300.000 euros máis

AVANTAR ACTIVIDADES

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211223/AnuncioG0595-161221-0003_gl.html e https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211223/AnuncioG0595-171221-0003_gl.html) a ampliación da dotación orzamentaria para as liñas de apoio ao retorno, tanto para axudas extraordinarias como para o retorno emprendedor, por un montante total de 558.000 euros.
Deste xeito, a Secretaría Xeral da Emigración reforza así as axudas extraordinarias para galegos retornados en 258.000 euros, e en 300.000 euros para o retorno emprendedor co obxectivo de poder atender a un maior número de galegos na súa volta a Galicia, dado o gran volume de solicitudes presentadas para ambas axudas. En total, serán 4 millóns de euros os destinados en 2021 a estas dúas liñas.
As axudas extraordinarias teñen como obxectivo axudar a facer fronte aos gastos da unidade familiar derivados do retorno ante unha situación de dificultade. Os beneficiarios serían as persoas que residindo fóra de España con nacionalidade española, se establezan na comunidade autónoma galega, tanto os nados na propia comunidade autónoma como os seus cónxuxes ou descendentes. A maiores, deben contar tamén co empadroamento en Galicia e ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos inmediatamente anteriores á data do seu retorno.
No caso das axudas ao retorno emprendedor, trátase dunha liña de subvencións que ten como fin favorecer o retorno a nosa comunidade autónoma dos galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.