A delegación territorial da Xunta completa as melloras de accesibilidade á sede administrativa da rúa da Habana

A Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Ourense completa as melloras de accesibilidade á sede administrativa da rúa da Habana, 79 coa instalación dunha plataforma elevadora vertical coas dimensións mínimas para admitir unha cadeira de rodas con ou sen acompañantes e embarque a 180º, que supuxeron un investimento de 41.027,89 euros.

O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, significou que con esta actuación mellórase a accesibilidade de persoas con mobilidade reducida ou que comparezan con carriños de crianzas ao edificio pois permite salvar a diferencia de altura entre a beirarrúa e a zona de control de acceso, información e rexistro, e de acceso ao salón de actos.

AVANTAR ACTIVIDADES

Últimas actuacións de mellora

Gabriel alén lembrou que estas obras completan as incesantes actuacións de mellora do edificio administrativo nos dous últimos anos que principiaron pola modernización da oficina de Información e Rexistro. As actuacións consistiron na eliminación dos mostradores e despachos destinados ao persoal desta sección, para crear un espazo no que se emprazou a sala de espera, o sistema de distribución de quendas e os postos de atención individualizada para o cidadán. Ademais, tamén se realizaron os traballos necesarios para dotar este espazo para dotala de sistema de climatización e renovación de aire, que redundou na confortabilidade, sobre todo no verán, tanto para os cidadáns como para o persoal do rexistro, e que significou unha asignación económica de 40.000 euros.

Deste xeito, sinalou o delegado territorial, “facilitouse a xestión na atención ao cidadán e a prestación dun mellor servizo, pois tamén se introduciron cambios na comunicación dos cidadáns e dos usuarios coas Administracións Públicas polo uso das novas tecnoloxías, así como tamén na achega de solicitudes e nos trámites administrativos”.

Nos últimos dous anos tamén se executaron obras de eficiencia enerxética en todo o edificio ás que o Goberno galego destinou 365.063,98 euros financiados no 80% con fondos FEDER, dentro do programa  operativo 2014 – 2020.

Así mesmo desenvolvéronse traballos de mellora no Salón de Actos para facilitar a súa accesibilidade con actuacións directa sobre a moqueta existente e a mellora da instalación eléctrica e que supuxeron un investimento de 40.024 euros.