Gabriel Alén salienta a capacidade do deporte no medio natural como un recurso do turismo activo, sustentable e de calidade

O delegado territorial agradeceu ao comité organizador da proba a súa confianza por desenvolver este campionato de prestixio internacional nas instalacións de Castrelo de Miño e subliñou que a Xunta e a Deputación Provincial de Ourense non repararon esforzos na súa organización

Gabriel Alén resaltou que” Galicia como sinónimo de calidade e sostibilidade dous conceptos básicos que, aquí na nosa terra, compatibilizan turismo, deporte e medio natural”

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, salientou o éxito da competición da Coupe de la Jeunesse que se celebrou esta fin de semana no Parque Náutico de Galicia en Castrelo de Miño.

O delegado territorial agradeceu ao comité organizador da proba a súa confianza por desenvolver este campionato de prestixio internacional nas instalacións de Castrelo de Miño e subliñou que a Xunta e a Deputación Provincial de Ourense non repararon esforzos “para que todo se dispuxese da mellor maneira destes 500 deportistas que representaron a 15 países de Europa”; “da hospitalidade e do agarimo das nosas xentes cos participantes nesta competición non dubido, como non dubido do seu comportamento solidario e acolledor con quen nos visitan”; sentenciou o delegado territorial.

“Galicia como sinónimo de calidade e sostibilidade; -resaltou Gabriel Alén- dous conceptos básicos que, aquí na nosa terra, compatibilizan turismo, deporte e medio natural”. “Debemos fomentar un turismo e deporte, con valor ecolóxico, -engadiu o delegado territorial- que non compita coa natureza como intermediario, senón que colabore no seu mantemento e conservación, e niso estamos dende o Goberno galego”.

Gabriel Alén explicou que “entendemos por desenvolvemento sostible, o proceso que permite o desenvolvemento sen deteriorar ou esgotar os recursos e os medios que o fan posible. Si entendemos o medio ambiente e as actividades físicas e deportivas no medio natural, como un recurso para o desenvolvemento do turismo activo, prodúcese un equilibrio que na actualidade aínda é posible atopar en Galicia”; manifestou.

Equilibrio que na provincia de Ourense permite levar a cabo competicións deportivas do máis alto nivel como as de piragüismo, remo e vela no Parque Náutico de Galicia de Castrelo de Miño, como a que hoxe rematou; ou as relacionadas coa neve e alta montaña en Manzaneda; atletismo en Ourense ou cicloturismo e probas de obstáculos no Xurés e Trevinca.

“Turismo, deporte e natureza son Galicia; e Galicia é un destino privilexiado que debemos ofrecer con orgullo a quen desexe visitarnos; eventos como este axudan, sen dúbida a facelo”; concluíu.