A Deputación e o Concello do Barco avanzan no proxecto de posta en valor da Vía Nova

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Alfredo García Rodríguez (Alcalde co concello do Barco).
IES CHAMOSO LAMAS

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo esta mañá no Pazo Provincial un encontro de traballo co alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, no que estudaron a ampliación das liñas de colaboración abertas entre ambas administracións e no seu traballo común en entidades como o Eixo Atlántico. 

Precisamente, unha das  cuestións centrais da reunión de traballo desta mañá foi o proxecto de posta en valor da Vía Nova. Unha iniciativa impulsada polo Eixo Atlántico -entidade na que Manuel Baltar é presidente do seu Foro Termal e Alfredo García, presidente da Mesa da Asemblea- co apoio da Deputación de Ourense, e que pretende converterse nun axente dinamizador do territorio a través da pegada cultural e histórica da Vía Nova, unha calzada romana que atravesaba parte do que hoxe é Ourense, unindo Bracara Augusta (Braga) e Astúrica Augusta (Astorga) ao longo de máis de 300 quilómetros.

SPORTUR GALICIA 2022

O proxecto de valorización da Vía Nova está en fase de elaboración, coa vista posta en ser presentado na primavera de 2023. En próximas datas celebrarase unha reunión entre o presidente da Deputación, o alcalde do Barco e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, para seguir perfilando a iniciativa baseándose nos informes e estudos xa completados.

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Alfredo García Rodríguez (Alcalde co concello do Barco).

Manuel Baltar recalcou a importancia desta iniciativa cultural e patrimonial, “con sobresaínte potencial dinamizador e que é outra aposta máis da Deputación pola comarca de Valdeorras”, valorando a importancia do traballo en rede para impulsar este tipo de proxectos: “O da Vía Nova é outro froito do posicionamento de Ourense en entidades como o Eixo Atlántico, e coa capacidade de tecer colaboracións cos gobernos locais e autonómicos para perfilar ferramentas coas que seguir construíndo Ourense”. 

Ademais, o Concello do Barco de Valdeorras solicitou un tractor de roza para a prevención de incendios forestais, apoiándose no convenio asinado pola Deputación de Ourense -a única das catro deputacións galegas en facelo- coa Consellería de Medio Rural en materia de lumes.