Felipe Senén: “O profesor Xaime Ferreiro Alemparte: un universo literario entre Cabanelas e Alemaña”

Por Felipe-Senén

Alí onde fora don Jaime, referímonos a Ferreiro Alemparte, tiña a gala pregoar que era ribeirao de Cabanelas, que non é pouca cousa na xeografía histórica destes antigo reino. Mais concretamente  natural de Quintela de Cabanelas e da máis pura cerna de ribeiraos: fillo de tratantes de viños con tanto que teñen de arrieiros, feirantes e trotacamiños. Alí naceu un 20 de xuño do 1918, ano do fin da Primeira Guerra Mundial e que non so centra o andazo do trancazo  ou gripe española, senón tamén o da filoxera que tanto estragou ás vides dos ribeiros ourensáns e levou a moitas familias á emigración .

AVANTAR ACTIVIDADES
fereiro Alemparte, Rilke

Para furar na biografía de  Ferreiro Alemparte e abrirse a novas pescudas, compre ter a man a realizada co saber e a sensibilidade que caracteriza da autoría do amigo e profesor Rafael Otero Janeiro, “Semblanza bio-bibliográfica de Jaime Ferreiro Alemparte” ( publicada pola Universidade de Vigo en Minius XV, 2007 pp 189-202). Paseo ao longo da vida e da obra filolóxica e histórica do gran coñecedor, tradutor, interprete e difusor do  escritor, grandísimo e influínte poeta alemán Rilke. Artigo necesario o de Rafael Otero para a historia do Carballiño, feito ademais con admiración e agarimo sobre un leal amigo da súa casa, a mesma da que naceron os mestres construtores, interpretes do arquitecto Antonio Palacios do templo da Veracruz do Carballiño, avó e pai do devandito, este Adolfo Otero Cerdeira, namorado de Cabanelas, a aldea que por si el mesmo fora sería reconstruída toda e  así mesmo o tentou, mercando predios en abandono e gastando os anos finais da súa vida, “facendo bailar” pedras de toneladas para volvelas a poñer no seu sitio. Algo que Xaime Ferreiro ben entendeu e aliouse co amigo mestre canteiro

Don Jaime, como lle chaman e recordan os seus, nunca deixou de man as relacións deste seu extremo occidental coa centroeuropa que tan ben o acolleu, coa súa historia, entón co mundo céltico, co  sacro imperio romano xermánico, co universo medieval, cos normandos e polo tanto coas cruzadas e as peregrinacións, coas pescudas románticas e modernistas por parte de inadaptados decadentistas, simbolistas…

Así pois, pols pescudas de Rafael Otero sabemos que  Ferreiro Alemparte fixo os seus estudos primarios en Cabanelas, para ser bacharel naquel Ourense nimbado pola aura de saber de Risco, de Cuevillas, de Otero Pedrayo, os que coincidían e seguían as pautas doutro egrexio ribeirao, veciño de Ferreiro, Arenteiro por Medio, de Moldes, referímonos a Antón Lousada Dieguez. Parladoiros onde campaba a filosofía idealista do filósofo alemán Krausse, con canto comporta de panteísmo, desa interrelación paisaxe-paisanaxe e a súa influencia na Institución Libre de  Enseñanza protagonizada por Francisco Giner de los Rios. Aquí tamén afondan as raiceiras de Ferreiro Alemparte.

Fai estudos universitarios en Compostela, a un tempo que o sorprende a Guerra Civil, movilizado cara ao sanguento fronte de Teruel, onde coincide cun vello amigo de aulas e querenzas composteláns e xermánicas, o arqueólogo Luis Monteagudo, como co tomiñés e exquisito poeta Rafael Melero, o que anos despois casará no Carballiño. O  militarizado cabo Ferreiro estaría a salvo no fronte cumprindo misións sanitarias. É trasladado a Xaén e de seguido reclamado á Coruña, grazas á recomendación dun significado veciño de Leiro, don Eladio Rodriguez González, seguidor de Murguía, moi influínte nos ambientes castrenses coruñeses, intimo de Manuel Casás .

A fonda amizade entre Ferreiro Alemparte e Refael Melero, a poesía por medio

ferreiro alemparte, normandos

Ferreiro Alemparte buscando un xeito de gañar a vida pasa a ser docente en Xinzo de Limia e mesmo nos colexios do Carballiño , no de don Xosé Campos e no de don Juan Corral, para aínda ser lembrado polos seus alumnos e alumnas. Fortalécese entón a xa vella amizade co funcionario de banca, sobranceiro poeta da Xeración do 27, Rafael Melero Granja ( 1918-1962), Premio Marina de poesía no 1958, que pasaba tempadas estivais no Carballiño, onde logo casa con Josefa Peña  Nogueiras da fábrica de madeiras da Ponte Veiga,  tanto que mesmo a un fillo seu, en homenaxe ao poeta e amigo morto prematuramente, lle pon o nome de Rafael. Escritor co que  Ferreiro Alemparte mantivo ademais un forte vencello de afeccións, mesmo compartidas con escritores daquela xeración,  así como con Vicente Risco

No 1950 Ferreiro Alemparte opta a ser lector na universidade alemá, pasa a Kiel, a Darnsatdt, a Frnakfurt, sendo profesor de Lingua e Literatura, de Cultura Hispánica na universidade Johann Wolfgang Goeth, onde no 1953 coñece  a  Gisela Mählmann, alumna súa, coa que casa e ademais formará, ao longo da súa vida, un sólido equipo interdisciplinar nas pescudas históricas e literarias, especialmente arredor do suízo xermanista Emil Staiger e sobre todo en Rilke, sendo Ferreiro Alemparte un dos seus mellores estudosos e difusor. Buscaba Galiza en Alemaña como canto atinxía a Europa neste seu confín de orixe.

Sería o profesor Abelardo Moralejo quen, nos seus anos composteláns o introduza na obra do  checo Rainer Maria Rilke (1875-1926), escritor de familia de xudeus convertidos ao cristianismo a fin de fuxir da persecución nazi, persoeiro cunha ampla experiencia vital: inicialmente formado na milicia, a que abandona, para comezar estudos de comercio e finalmente recalar nas súas verdadeiras querenzas de humanista que era, a filosofía, a arte, a literatura, coñeceu a Freud, a Nietzsche, a Tolstoy, a Rodín, Cezanne, Zuloaga…casado coa escultora e pintura Clara Westhoff, alumna de Rodín, en certa medida coutada pola personalidade do inadaptado e sedutor poeta, pouco amigo do matrimonio tradicional…Viaxeiro, de Praga a París, bo coñecedor da Europa do seu tempo, namorado de Toledo da que dicía ser “patria dos anxos”, de Andalucía, de Ronda onde pasa tempadas,  para morrer de leucemia en Val-Mont, Suiza.

Ferreiro Alemparte, Tema Jacobeo

Pasos de Rilke  que son seguidos detidamente  por Ferreiro Alemparte, xunto con canto de ética e de estética implican os “ismos” do Modernismo cos que se cruza: dende o precubismo de Cezanne a Picasso.  Como resultado que o ribeirao será autor de obras tan clarificatorias e influentes sobre o poeta alemán como “España y lo Español en la obra de R. M. Rilke” (1964), a que será a súa tese doutoral na Universidade Complutense (Taurus 1966)

 Entón Ferreiro Alemparte `preocúpase polo simbolismo, tendencia que ocupaba as modas do Modernismo, con canto atinxía ao cristianismo, ás lendas célticas e canto reportan de orientalismo a través do camiño ario, ás sagas nórdicas, aos aportes xermánicos, suévicos, á misteriosa orde do temple e ao cister por canto significaron na humanización do territorio e no humanismo e con tanta influencia nestas terras que abren aos ribeiros… Especializado nas cantigas, na magna obra de Alfonso X, na Lenda Dourada, nos Flos Sanctorum ou recompilacións sobre as  insólitas vidas e milagres de santos, as que tanto aportan ao Realismo Máxico… E esa Oseira na que no século XI, recen instituído o mosteiro, pousa o afamado peregrino alemán, de Colonia, Famiano que será santo…Ferreiro Alemparte é atraído pola mística, por San Agustíño, por San Xoán de la Cruz…e velaí que atopa esas mesmas relacións no seu admirado Rilke. Estudos, humanismo de Ferreiro Alemparte que coincide coas pescudas e as ansias de Risco e de Otero Pedrayo e que prenden en amigos como  Cunqueiro, Rof Carballo…

Os membros da Xeración Nós ourensá, que admiraban e seguían a inadaptados, diferentes, como Rilke, non se entenderían, como non se entendería ao poeta alemán, sen aristocracia, sen  sufrimento e paixóns do ego, sen misterio, sen simbolismo e todos os “ismos” do Modernismo, sen cultura e ocultura, a busca entre as tebras, sen relixión, sen fe…

E velaí outras obras de Ferreiro Alemparte, baseadas na documentación histórica, “La escuela de nigromancia de Toledo” (1983) a que ben lle gustaría e complementaria as teimudas pescudas de Vicente Risco,  ou  “ Trobadores de Orcelhon, Pero Meogo, Lopo Arias” (1989), arredor das paisaxes históricas do Arenteiro… “La Leyenda de las once mil Virgenes (1991),  “Asentamiento y extinción de la Orden teutónica en España y la Encomienda de Santa María de Castellano en la Mota del Toro” (1971) E sobre todo esa magnifica “Arribadas de cruzados y normandos en las costas de la peninsula ibérica” (1999) imprescindible para coñecer as relacións marítimas coas illas birtánicas, os fretes pra facer a peregrinación a unha Compostela que con Roma e Xerusalén trianguliza a cristiandade.

Ferreiro Alemparte era amigo dos amigos, como vello pouso do seu ser, entre os que ademais estaban  Álvaro Cunqueiro, do profesor e lingüista Isidoro Millán, do polígrafo Filgueira Valverde, amigo e veciño Chamoso Lamas…dos pintores Prego, Laxeiro, Colmeiro…cos que compartía moitas inquedanzas.

 Don Jaime, recoñecido, profesor honorario da Universidade de Barcelona, correspondente da Academia da Historia, gustaba de retornar a Cabanelas, como para coller forzas vitais, en ocasións visitado por amigos, Luis Monteagudo entre eles, que en compañía de Adolfo Otero exploraban os vestixios templarios da zona e o enigmático castro-castelo de Cavadoso, mesmo Montegudo viu a hipótese de que aquela ruína nunha volta do Arenteiro puidera  ser o emporio aurífero do Medulio, iso mesmo me contou o arqueólogo.  Nos seus anos finais un don Jaime querido e respectado foi convidado a dar o pregón das festas do Carballiño, no que, entre o tumulto, fixo un canto á paisaxe, as, que naqueles anos estaban fortemente ameazadas polos incendios forestais…ao cabo do tempo as súas verbas e o seu exemplo de humanista, impóñense e ecoan con mais forza.

O pasamento do humanista acontece en Frankfur un 19 de xuño do 2000, as súas cinzas devolvéronse á Terra de orixe, na que radica a súa orixinalidade e pousan na ermida de Cimadevila, a que outea ao ribeiro do Arenteiro e ao pentágrama dos montes do Paraño.


—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo nas lembranzas do Carballiño

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Felipe Senén: “O Tempo de Defuntos no pétreo barco do Cemiterio de Señorín “

Felipe Senén:”as decimonónicas fábricas de papel das terras do Arenteiro”

Felipe Senén: ” Algunhas lembranzas arredor da miña Eira de Flores “

Felipe Senén: ” O CARBALLIÑO, CAPITAL MUNDIAL DO PULPO”

Felipe Senén: “o pulpo, Aurora Baranda e o Carballiño, unha santa trindade galega”

Felipe Senén: “de monte de Mesego a cidade xardín e Parque do Carballiño”

Felipe Senén: Lalín, o Carballiño e o ir e vir do pintor “Laxeiro”

Felipe Senén: “Xoán Xacobe Fernández, o franciscano de Moire e mártir en Damasco”

Felipe Senén: “As Adegas, un idílico e misterioso lugar no ribeiriño do rio Varón”

Felipe Senén: “O profesor de debuxo, os carteis e as iniciativas de Felipe-Luis López”

Felipe Senén: ” O gran fotógrafo Alberto Martí e o Carballiño

Felipe Senén: “A Pena de Queiras entre os outeiros, “ou altares” que coroan o Carballiño “

Felipe Senén: “Veremundo Arias Teixeiro, de Cabanelas, persoeiro barroco nos anos da Ilustración”

Felipe Senén: “Flores, o barrio da parte de atrás do Concello”

Felipe Senén: “A saga familiar do arquitecto Gallego Jorreto e o Carballiño”

Felipe Senén: “Arredor das pontes sobre os ríos do Carballiño”

Felipe Senén: A fervenza artificial do Arenteiro nas Tres Penas

A Praza de Abastos: catedral do mercado gastronómico e que, de vello, honra ao Carballiño

Pregóns, aturuxos, voces, músicas ou asubíos do meu Carballiño

O bulir da feira do Carballiño arredor do sitio da súa orixe: a Praza Maior e a Igrexa Vella

O Campo da feira do meu Carballiño

A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño

Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño

Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño

O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo

O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño