A Insua dos Poetas celebra este sábado a segunda edición do “Entroido dos nenos”, coa colaboración da Deputación

Este sábado, 11 de febreiro, a Fundación Insua dos Poetas organiza a segunda edición do “Entroido dos nenos”, unha celebración que terá lugar a partir das 16,00 horas neste singular parque cultural situado en Madarnás (Carballiño), e no que os protagonistas serán os cativos. Entre as institucións colaboradoras atópanse a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia e os concellos do Carballiño, O Irixo e Boborás.

Este Entroido, gratuíto e aberto a todo o público, ten como obxectivo a promoción da tradición entroideira da provincia de Ourense entre os máis novos. Tal e como explica o poeta e presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar, “o sur de Ourense foi dende sempre un territorio de forte arraigo do carnaval que, nos últimos anos, está rescatando peculiares personaxes e  manifestacións tradicionais que se interromperon coa guerra civil e a ditadura”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Entre as actividades programadas hai un concurso de disfraces, xogos tradicionais, música, unha merenda, premios e agasallos.