A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Premio Rodolfo Prada 2023

Tamén foron galardoados o proxectos de “A Casa Vella”, en Allariz, e a asociación fotográfica “O Potiños”, no Carballiño

Ademais, o xurado recoñeceu a un proxecto de cada provincia galega: A Arca da Noe (Ourense), Abanea (A Coruña), festival Bal y Gay (Lugo) e Cantigas Transhumantes (Pontevedra)

AVANTAR ACTIVIDADES

Os premios, os únicos de Galicia destinados a premiar a xestión cultural, entregáranse o 21 de abril dentro da novena edición da Semana das Industrias Culturais e Creativas de Ourense (Ourense ICC Week)

Ourense, 30 de marzo de 2023.- A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia foi recoñecido esta mañá co Premio Rodolfo Prada á xestión cultural na edición 2023, segundo recoñeceu o xurado da sexta edición destes galardóns, os únicos nesta modalidade en Galicia  e dotados pola Deputación de Ourense cun total de 10.000 euros. 

A MIT, que cumpre este ano medio século (1973 – 2023), ten convertido a Ribadavia na capital do teatro galego, “sendo decisivo na súa profesionalización e converténdose nunha cita de referencia estatal”, segundo remarcou esta mañá o xurado, reunido no Marcos Valcárcel baixo a presidencia do vicepresidente segundo, César Fernández. 

O segundo premio desta edición dos Premios Rodolfo Prada foi para “A Casa Vella”, un espazo de creación en artes escénicas xestionado pola Asociación Cultural A Casa Vella e que é “un espazo innovador en Galicia e un exemplo nacional dos espazos de creación no rural”. 

O terceiro premio foi para a asociación fotográfica “O Potiños”, de O Carballiño, pola súa labor na posta en valor da fotografía da comarca. 

A MIT, A Casa Vella e O Potiños recibirán, respectivamente, un premio de 3.000, 2.000 e 1.000 euros. O galardón complétase cunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por artistas ourensáns de recoñecido prestixio, así como un diploma acreditativo.

Un proxecto premiado de cada provincia galega 

No capítulo de distincións, esta sexta edición dos premios Rodolfo Prada tivo dúas novidades. Por unha banda, o xurado outorgou un premio por cada unha das provincias galegas. En Ourense, o xurado recoñeceu á Arca da Noe, en Vilar de Santos. En A Coruña foi para Abanea, o festival de danza e artes do movemento; en Lugo, para o festival de música clásica Bal y Gay e o de Pontevedra, para o proxecto “Cantigas Transhumantes”. Cada unha destas iniciativas recibirá como premio unha escultura, diploma acreditativo e unha dotación económica de 1.000 euros.

Ademais, na outra novidade desta edición, o xurado concedeu un premio especial – escultura e diploma- á iniciativa cultural desenvolta fóra de Galicia que mellor se axuste ao espírito do certame. Para este apartado pedíuselle tres tres proposta á Federación Estatal de Asociacións de Xestores (FEAGC) sobre as que o xurado recoñeceu ao proxecto “Yo cuento”, unha iniciativa que ten como obxectivo mellorar a vida de nenos e nenas pacientes en tratamentos neurolóxicos a través das artes escénicas. 

Realzar o compromiso de Rodolfo Prada con Galicia e a labor creativa relacionadas con conceptos máis tradicionais e modernos da cultura

O premio Rodolfo Prada está dirixido a persoas, proxectos ou colectivos que desenvolvan iniciativas culturais dentro ou fóra de Galicia -sempre con claras referencias á cultura galega- e toma o seu nome do galeguista Rodolfo Prada, unha figura histórica da emigración galega en Bos Aires, onde chegou a ser o gran valedor de Castelao. Este premio realza ese compromiso que tivo Rodolfo Prada con Galicia desde a emigración, e recoñece a labor creativa relacionadas cos conceptos máis tradicionais e modernos da cultura, como as artes escénicas, plásticas, audiovisual, etnografía, letras, música, patrimonio histórico e cultural, industrias culturais e creativas, e proxección exterior da cultura galega.

Os proxectos gañadores desta edición foron decididos nunha reunion celebrada esta mañá en Ourense polo xurado destes galardóns. Baixo a presidencia de César Fernández, actuaron como vogais Patricia Torres, Antonio Piñeiro, Juan Rivas, Eva Torres, Luis González tosar e Aurelio Gómez Villar -que actuou como secretario-; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o presidente da asociación Rodolfo Prada, Francisco González; e o presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Carlos Lorenzo.