O delegado territorial da Xunta en Ourense supervisa as obras de reforma do centro de saúde de Arnoia

Esta mañá, acompañado do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, alcalde e representantes da empresa construtora

  • Gabriel Alén explicou que as obras, a pleno rendemento despois da súa paralización por parte da empresa adxudicataria anterior ocasionada pola crise da alza de prezos dos materiais, consisten na reforma da planta baixa e no cambio da cuberta do centro de saúde
  • O Goberno galego está a executar as obras de reforma da planta baixa e o cambio da cuberta por un importe total de 107.009 €.
  • Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 112 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados

Ourense, 30 de marzo de 2023. O  delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial, e do alcalde, Rodrigo Aparicio, visitou esta mañá o centro de saúde de Arnoia para supervisar as obras de reforma que se están a acometer nesa infraestrutura sanitaria.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén explicou que as obras, a pleno rendemento despois da súa paralización por parte da empresa adxudicataria anterior ocasionada pola crise da alza de prezos dos materiais, consisten na reforma da planta baixa e no cambio da cuberta do centro de saúde.

Polo que se refire ao cambio da cuberta procédese a retirar a cubrición da tella cerámica curva como as placas onduladas que apoian nunha estrutura de madeira aserrada e serán substituídas por elementos novos das mesmas características.

A reforma da planta baixa consiste nunha nova distribución interior para poder contar nesta planta con dúas consultas, 1 de médico de familia e 1 de enfermería, facilitando así a accesibilidade ás mesmas. Para iso, faise necesario trasladar os aseos existentes a outra zona da planta baixa. Tamén procederase a ampliar o oco que comunica o vestíbulo coa sala de espera, colocarase un vertedoiro en unha villa na cuarto da limpeza, colocarase un falso teito en toda a edificación, e tamén se pintará o interior e se cambiará a instalación da iluminación, colocándose luminarias led. Levaranse a cabo todas as actuacións necesarias para a nova distribución, electricidade, fontanería, saneamento e ventilación nos aseos interiores. 

Renovación de infraestruturas de atención primaria

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 112 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 4 que están en marcha (Lugo, Lalín, Arnoia e Porriño). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria. 

En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz e as reformas de A Peroxa (Os Peares), Carballeda de Avia e Ribadavia, mentres que se atopa iniciada a reforma no centro de saúde de Arnoia.

Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse nesta área sanitaria centros de saúde como os de Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios, Cenlle, O Bolo, Amoeiro, Rairiz de Veiga, Vilardevós, Maside, Castrelo de Miño, Baltar, Beariz, Riós ou Vilar de Barrio. 

A execución simultánea destes proxectos é posible grazas a que os Orzamentos  da Xunta de Galicia para 2023 incrementaron os fondos para investimentos en atención primaria nun 65% ata os 56 millóns de euros. É a maior cantidade de fondos no capítulo de investimentos dedicada á atención primaria dos últimos 20 anos, mesmo superior ao de 2021 que contaba co fondo extraordinario COVID.