O pleno de Ourense aprobou que o concello poña solucións urxentes á “chapuza” nas obras das rúas Carballo e Salto de Can, en Rabo de Galo, gracias a unha moción do Psoe

O PsdeG-PSOE amosou o seu apoio aos veciños deste núcleo que asistiron á sesión ao ser unha das afectadas expulsada cando intentaba responder ao alcalde sobre as súas “mentiras”

O PsdeG-PSOE da cidade tamén recibiu o respaldo unánime para que Ourense se sume á rede galega de parques sen fume e promova actividades de sensibilización con motivo do Día Mundial sen Tabaco

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 14 de abril de 2023. O Pleno de Ourense aprobou a moción presentada polo grupo municipal socialista que insta ao Goberno local a ofrecer solucións urxentes á veciñanza do núcleo de Rabo de Galo trala “chapuza” nas obras das rúas Carballo e Salto de Can.

A reforma integral de ámbalas dúas vías estase a converter nunha tortura “sine die” para os que residen nesta zona. Non só por un atraso de máis do dobre do tempo estimado –o prazo previsto eran 6 meses e xa van 13–, senón tamén polos problemas de accesibilidade a vivendas particulares e de vehículos de emerxencia, a deficiente instalación de canalizacións e sumidoiros e as alteracións no alumeado.

“Non poden converterse unhas obras necesarias en oportunidades perdidas para a cidade”, expuxo a concelleira socialista Natalia González Beneitez que defendeu a iniciativa durante a sesión. “Trátase dunha demanda histórica porque son dúas das arterias principais de Rabo de Galo”, incidiu.

“A licitación inicial tiña un orzamento de 900.000 euros. Finalmente o proceso de adxudicación rematou moi a baixa, por 650.000 euros, e isto lastrou a obra. Os veciños chamaron ás portas do Concello en numerosas ocasións para que se solucionasen os problemas xurdidos e non se fixo”, denunciou a concelleira socialista.

A iniciativa –aprobada co apoio do PP, BNG e dúas concelleiras non adscritas– pide, ademais, enviar aos técnicos municipais responsables do proxecto a revisar as “deficiencias evidentes” nas obras, así como a informar aos veciños sobre a modificación do proxecto inicial.

Apoio aos afectados

Os concelleiros municipais socialistas amosaron o seu apoio aos veciños e veciñas que asistiron ao Pleno, unha das cales foi expulsada da sesión polo alcalde por contestarlle cando este afirmou que si se reuniu con eles para atender as súas demandas de mellora.

Concretamente, foi a líder da asociación de veciños, Lorinda Fernández, a que dixo que o máximo responsable do Goberno local estaba a contar “mentiras” e pediu unha quenda de palabra para poder intervir. Foille denegada e Gonzalo Pérez Jácome instou a que a expulsasen se continuaban falando. Ela mesma optou por marcharse, acompañada doutros afectados, da Casa do Concello.

Rede Galega de Parques sen Fume

O Pleno de Ourense tamén aprobou, por unanimidade, adherirse á rede galega de parques sen fume gracias a outra iniciativa impulsada polo grupo municipal socialista. Entre os motivos para propoñer este compromiso, coa saúde e o entorno no que viven os cidadáns, está que a OMS establece o consumo de tabaco como a primeira causa de mortalidade evitable e considera que non existe un nivel seguro de exposición pasiva ou activa ao fume.

Neste senso, o PSdeG-PSOE lembrou que xa hai dous concellos da provincia (A Merca e Pereiro de Aguiar) que se sumaron á rede e que é especialmente importante que estes espazos infantís queden libres de fume porque os cativos aprenden, entre outros xeitos, por repetición do que ven dos adultos. O concelleiro Borja López Trigás defendeu a moción incidindo en que “tamén será beneficioso para o medio ambiente posto que as cabichas son uns dos residuos máis comúns e que tardan máis tempo en descompoñerse”.

“Se ben é certo que cada vez é menos a xente que fuma en España, pasamos dun 27% no ano 2006 a un 22% no 2020, non podemos baixar a garda. Agora, coas novas formas de consumo, cos chamados cigarros electrónicos o hábito volve estar en auxe sendo, de novo, unha ameaza”, engadiu.

A moción presentada hoxe sinala tamén que a implantación de políticas públicas funciona, como demostrou a primeira ‘Lei antitabaco’ aprobada en novembro de 2005 polo goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero, sendo ministra a ourensá Elena Salgado. Por este motivo, o grupo do PSdeG-PSOE emprazou ao Concello a ampliar o marco de actuación con iniciativas no ámbito da Educación e difundindo material informativo para sensibilizar a poboación, así como poñer en marcha un programa de actividades con motivo do Día Mundial sen Tabaco (que se conmemora o próximo 31 de maio).