A Xunta destaca a Boborás e á súa veciñanza como exemplo da aposta polo fermosismo na provincia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo hoxe ao concello de Boborás e á súa veciñanza como exemplo na provincia de Ourense da aposta decidida da Xunta polo fermosismo e o fomento de actuacións que contribúan a reducir o impacto paisaxístico que causan sobre a contorna a imaxe exterior de determinadas edificacións, equipamentos públicos e elementos etnográficos deteriorados pola falta de uso ou o propio paso do tempo.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e a rexedora municipal, Patricia Torres, a conselleira explicou que o ano pasado Boborás foi, xunto con Lobios, o concello da provincia máis beneficiado pola orde de incentivos convocada polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) para a corrección de impactos paisaxísticos en vivendas e propiedades privadas.

AVANTAR ACTIVIDADES

De feito, durante a súa visita achegouse ata un dos inmobles que se beneficiaron destas subvencións e puido comprobar o resultado dos traballos de limpeza realizados sobre as paredes exteriores así como no revestimento da vivenda, pintada de acordo coa Guía de cores da Xunta. Ademais, tamén se desprazaron ata o lavadoiro de Miandreiras, recuperado o ano pasado ao abeiro da orde para a corrección de impactos paisaxísticos dirixida neste caso a entidades locais.

Neste sentido, cómpre lembrar que o Diario Oficial de Galicia publicou recentemente a resolución da convocatoria das axudas de 2023, entre cuxos beneficiarios está tamén Boborás, que destinará esta subvención a recuperar o lavadoiro e a fonte de Xendive.

Por último, Ángeles Vázquez salientou que os incentivos para corrixir posibles impactos paisaxísticos e mellorar o aspecto de edificios e vivendas, tanto públicos como privados, buscan protexer o estado das contornas e dos diferentes tipos de paisaxe ao tempo que fomentan a implicación da cidadanía no seu coidado, uns obxectivos en liña coa aposta da Xunta polo fermosismo e o “embelecemento de Galicia”.