O Irixo: emotiva xornada vivida por Antonio González Bernárdez e os fregueses de seu na Rúa (Loureiro)

Xulio Dobarro Ferradás.  Profesor xubilado e veciño do Irixo



Foi este sábado vinte maio de 2023, cando se superou unha das poucas asignaturas pendentes que Antonio agardaba ver superadas con ilusión: a publicación dunha crónica persoal, autobiográfica, de toda  unha vida que xermolara contra o alto da parroquia de Loureiro, A Rúa, bañada polas augas que  desde o alto do pico Seco surten as frescas fontes de Lousado, Ramil, Valduíde, A Alemparte, ata formarse un xeitoso regato que vai recibir o nome do Pedriña, por pasar por este lugar, marcar as estremas co parroquia de Cangues e Corneda e máis co concello do Carballiño, ata desembocar no Arenteiro, alá contra a Ponterriza e continuar ata Pazos de Arenteiro par unirse ao Avía e ao pai Miño.

AVANTAR ACTIVIDADES

  Antonio recibe da man de Avelino o galardón que reza: “I PREMIO LOUREIRO DE ORCELLÓN.

  Antonio recibe da man de Avelino o galardón que reza: “I PREMIO LOUREIRO DE ORCELLÓN.

O INSTITUTO DE ESTUDIOS CARBALLINESES CONCÉDELLE O I PREMIO LOUREIRO DO ORCELLÓN  a don ANTONIO GONZÁLEZ BERNÁRDEZ pola súa implicación altruísta na defensa dos dereitos socias e laborais dos seus veciños, así como por contar cunha traxectoria persoal excepcional ao longo da súa vida. O Carballiño, 20 de maio de 2023”. A composición é obra do pintor ourensán-vigués Antón Pulido.

Se a saída da imprensa destas lembranzas xa se ía delongando, a espera mereceu a pena, porque, a emoción era maior cando desde había uns días, ademais de facerse pública a data da entrega do primeiro exemplar desas  “Lembranza de Antonio González Bernárdez”, publicado polo I. de Estudos Carballineses, cuxa dirección exerce Avelino Muleiro García, tamén se viña de crear o primeiro premio LOUREIRO DO ORCELLÓN, coa aclaración de que a coincidencia da verba “LOUREIRO” coa da parroquia da que é natural o homenaxeado, era simple casualidade porque a intención é de que se manteña no tempo este galardón co que se “pretende encomiar, exaltar e recoñecer a persoas da Comarca do Carballiño que se distingan pola súa profesión, pola súa implicación altruísta en axudar e mellorar a vida dos demais, pola súa colaboración e iniciativas en proxectos sociais”.

 A verdade, na miña humilde opinión, o nome do galardón é ben acaído, porque a palabra LOUREIRO, non só forma parte do vocabulario do galego común, senón que tamén se incorporou á onomástica, tanto na antroponimia -apelidos e alcumes- coma na toponimia -maior ou menor-.

 Por outro lado, esta árbore de folla perenne e verde intenso, vén sendo empregada desde antigo, por exemplo en Grecia e Roma, de cando se lles impoñía aos césares ou persoas homenaxeadas por algúnha razón de prestixio ou recoñecemento público. -O mural que gañou na pasada edición o concurso de “Mellor mural do mundo” de Diego As na cidade de Lugo, é un fermoso exemplo dese dato-.

 Pero hai outras moitas razóns para que fose escollida esta árbore como símbolo de fondo significado natural-medicinal (os bosques de laurisilva na illa de Cortegada, ou en Tenerife…), e non digamos na gastronomía que sempre acompaña o marisco, as lentellas, escabeches, ou os canizos cando se curan as carnes e chourizos ou a identificación dos furanchos-loureiros. E non podía faltar  na celebración relixiosa do Domingo de Ramos, cando os mozos buscaban aquela póla máis xeitosa e máis grande para lucir e ceibar algún ramallazo, sobre todo os que, como no caso do Irixo, non contabamos para lucir nin a oliveira nin as palmas modernas de Elxe.

 Sendo unha árbore tan común, a tradición oral tamén a incorporou en cántigas como : “Aparta loureiro verde, deixa clarexar a lúa. Estou no medio do monte, non vexo cousa ningunha”, e o refraneiro : “ Teño unha casa no monte/nun pinar entre loureiro/ teño paz e teño amores/ estou vivindo no ceo”; “Loureiro, verde loureiro/ loureiro da folla ancha/ canta rapaza se perde/ pola moita confianza….

 Por outro lado, o loureiro era colocado na parte máis alta das construcións, cando estas se remataban, tanto para simboliizar esa fin de obra, como tamén quizais de protección dos futuros moradores. Unha frase feita realacionada con aquel é a “de poñerlle o loureiro a algo”.

 En fin, que a lección para tan senlleiro galardón está abondo xustificada. Beizón pola iniciativa!

Ana, a sobriña, e Avelino axudan a Antonio a superar a emoción do momento

 O día amañeceu solleiro, ventoso, e mesmo xiadeiro esta fin de semama no Irixo, con certa preocupación entre a veciñanza polas cativas colleitas dalgunhas patacas e os tarreos nos que están a enraizar cebolas, leitugas, pementos, tomates …que para protexelos se discorren curiosos recursos: xestas, botellas, plásticos….Unha estampa curiosa, e ilustrativa á vez, froito destes ventos ábregos do nordés, é a que mostran os fentos que de tan tenros que están en plena brotación quedaron queimados pola friaxe.

 O sol do mediodía animou a parroquiáns, da contorna ou da comarca a acompañar a Antonio neste día tan importante para el, dada a súa lonxevidade. Así, pola estrada que conduce ata o lugar de encontro, vehículos e persoas andando logo completaron o aforo do local “social”, que fora inaugurado sendo alcalde M. Penedo, quen tivera unha verbas de agradecemento á súa persoa cando xunta outras xa se lle rendera homenaxe cunha publicación audiovisual, na que colaboraran as primeiras persoas que formaran parte da Cooperativa e veciños da parroquia que xa daquela deixaran unha agarimosa mostra de cariño e agradecemento a Antonio polo seu labor social, cultural, e de emprendemento.

Momento no que Antonio, emocionado pola moitedume que o recibe entre aplausos, é acompañado polos seus sobriños e máis Manolo de  Barro, dirixíndose ao local social na Rúa.

 Na organización doevento e publicación do libro colaboraron O Centro de Esudios Carballineses, O Concello do Irixo e a Coopertiva Santa Mariña de Loureiro, da que o honrado foi o seu promotor e presidente.

 É ben sabido que a traxectoria laboral de Antonio foi moi diversa. Así, sen esquecer o seu apostolado como cura-parroco, antes de voltar á parroquia de onde é natural, pasara polos concello dos Blancos en Xinzo, por Lamas de Leiro, que, polas circunstancias que concorreron a mediados dos anos sesenta na parroquia de Loureiro, os veciños pediron a súa axuda para resolver un caso que estaba preocupando a toda a parroquia: o conflito que supoñía o aproveitamento das augas do Pedriña para a canalización destas para  O Carballiño.

 Cando xa algún alcalde carballinés naquel intre daba por resolto o problema, e despois de moitas voltas e reviravoltas que, por exemplo supuxo para Antonio desprazarse ata Oviedo, onde se atopaba daquela a sede da Confederación Hidrográfica para Galicia, a Madrid par entrevistarse con algún deputado a Cortes, co Gobernador provincial, e, a todo isto, co bispo que naquel momento xestionaba os destinos da diocese, Ángel Temiño Sáez, que, por enriba de todo, non quería que entre fregueses da súa adminitración se producisen conflitos desta índole, pero que Antonio conseguiu clarificar o estado do caso e finalmente voltaren as augas á súa canle, aínda que finalmente se tivo que resolver a polémica nos tribunais, dándolle a razón á parroquia.

Que cadaquén saque conclusións do acto

 Ademais dos veciños da parroquia, tamén foron enviadas mensaxes de apoio daqueles que, por diversas circunstancias, non puideron asistir persoalmente, tal e como expuxo Avelino no desenvolvemento do acto. Había varias persoas procedentes do Carballiño, entre as que puiden saudar a  M. Bernárdez (Cer&Ber), X. L. Sobrado (Centro de E. Chamoso Lamas) e M. Amil que, ademais de ter compartido claustro no Instituto  do Carballiño, actualmente mantén unha intensa actividade no centro ASPADISI e no xornal dixital Badal Novas.

 Como en calquera outro acto desta transcendencia non podía faltar a música de acompañamento do Grupo de Gaitas e Danza do Irixo que, por outro lado, tan ben  están a poñer en valor ese patrimonio musical, e así recibir o homenaxeado e imprimirlle un aire de alegría, ainda que con abondosa emoción, pero, sorprendentemente, con toda a enteireza que soubo afrontar a situación. – Quizais porque o seu labor, tan intimamente ligado á vida -bautismo-  e á morte -enterros-, lle teña deparado situacións máis extremas que a vivida neste día, pero, en calquera caso, parabéns pola súa resposta, que na fin do acto, e fóra de programa, pechou as intervencións cunhas verbas moi comedidas, razonables e transparentes.

 Como a data coincidiu co ecuador da campaña electoral para as eleccións locais do 28 de maio, ademais do alcalde actual e candidato polo Partido popular, Manuel Cerdeira Lorenzo, que interviu no acto agradecendo o labor desenvolto no concello polas inicativas de desenvolvemento nas que Antonio foi deixando a súa impronta, lembrou tamén un aspecto persoal de cando fora alumno del  no Instituto ( Antonio era profesor de Relixión Católica). -Eu, quen subscribe esta crónica, tamén me lembrei que fora alumno del na auto escola “Esclavo”, sendo aquel monitor de teoría-.

 Foron varios os aspirante a concelleiros os que se atopaban entre o público, ademais dos cabeza de listas polo Partido Socialista de Galica, Iago Fariñas, e Susana Iglesias por Xuntos polo Irixo. –Facemos votos por que o exemplo de Antonio agrome entre el@s!

 Contra a fin do acto, amigos, familiares, veciños e siareiros arremuíñanse ao seu redor para renderlle homenaxe neste día tan sinalado.

 A todo isto, debemos sinalar para coñecemento dos sempre -amables lectores- que parte desas lembranza están recollidas en publicacións anteriores da súa propia colleita en “Ágora do Orcellón” nº 21: “Unha breve historia da cooperativa de S. Mariña de Loureiro” (2011),a cuxo artigo acompaña un DVD, que, parte del serviu de introdución ao acto e de reflexión das persoas que foran daquela entrevistadas, varias delas xa falecidas. Ademais, no libro publicado por min:”O Irixo. Patrimonio cultural”(2020)  tracei unha breve biografía na que, entre outros datos, se recolle o seu nomeamento como Fillo Predilecto do concello do Irixo en 2006 e a colocación dun busto no adro da igrexa, obra do escultor arousán Alfonso Valar, en fronte do panteón onde están enterrados os seus pais, de cuxa obra foi responsable Jesús González González, mestre canteiro de Saavedra -de aquí o seu alias, “Saavedra ou Santeiro”  polo que fora coñecido no Carballiño cando foi responsable do traballo “in situ” do Arco Parabólico da Veracruz. O pai de Antonio, ferreiro de profesión que, segundo contan traballara nas obras da construción da vía, con posto de cravuñar ferramentas á altura de Saavedra, foi o que realizou o enreixado do peto-fonte, que fora unha doazón do abade Marentes, tamén responsable da ampliación e reforma da igrexa parroquial.

 Máis alá de todos estes méritos, aquí sinalados, e outros que omitimos por necesidade obvia na extensión desta crónica, aínda creo que hai algún outro maís que si me parece de xustiza lembrar: o de ser guía e cómplice daquelas persoas que cando lle solicitaron a súa colaboración llela prestou amablemente, así, en traballos de Felipe Senén, carballinés de amplo percorrido cultural sobre a Bisbarra do Carballiño en varias ocasións agradécelle a súa orientación sobre persoas e temas obxecto dos seus traballos de investigación ((minas de Surribas, de Grovas, de cando o ouro, etc); ao historiador J. Hervella Vázquez para o libro: Irixo. Natureza, historia e arte nun municipio da Galicia interior,(199) de cuxa publicación se recolle unha ampla extensión no de Antonio; a X. A. Gulías Lamas sobre traballos por el publicados sobre O Románico e, de maniera especial, o que de xeito explícito nos lembra Estanislao F. de la Cigoña, cando en varias ocasións o ten informado sobre diferentes motivos de interese relacionados co Patrimonio para artigos como : “Cruces, cruceiros e petos do concello do Irixo” ou sobre “Reloxos de sol...” Como proba deste agradecemento deixo unhas palabras e unha imaxe que son unha proba incontestable desta solidariedade exemplar dun home “bo e xeneroso” , ao que tamén eu teño que estar agradecido polo seu apoio e ánimo para levar a cabo algunha que outra inquedanza.

Adro da igrexa parroquial de Loureiro  2 de marzo de 2011. Antonio acompaña a Avelino Muleiro e E. Fdez. De la Cigoña, de cuxa reunión, este ultimo deixa o seguinte comentario: “D. Antonio es el único amigo que tengo con un monumento en vida, lo que ya es harto difícil” .

Con esta imaxe retrospectiva, e todas as colaboracións que están a xurdir estes días e en tempos pretéritos son abondas par formarnos unha idea abondo precisa da súa afouteza e valentía.Grazas

A Rúa-Loureiro, O Irixo,  21 de maio de 2023

Xulio Dobarro Ferradás