O grupo socialista acusa a PP e goberno galego de “premiar” a “unha empresa que maltrata aos nosos gandeiros”

Martín Seco denuncia que a Xunta permite subvencións a cargo do PDR para empresas que foran sancionadas por incumprir coa Lei de Cadea Alimentaria e modificar os prezos dos contratos cos produtores

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2023. O portavoz de Agricultura e Gandería do Grupo Socialista, Martín Seco, acusou hoxe a PP e Xunta de “premiar” a “ empresas que se comportan como mafias organizadas e maltratan aos nosos gandeiros”. Seco presentou unha moción para que a Xunta volva excluír ás empresas con sanción grave ou moi grave das axudas do PDR para transformación e comercialización de produtos agrarios, que foi rexeitada polo PP.

AVANTAR ACTIVIDADES

O responsable socialista denunciou o “silencio cómplice” do goberno galego diante do maltrato de parte do empresariado contra os gandeiros galegos, modificando “ad hoc” a orde de axudas para beneficiar a estas industrias malia ter sancións en contra. Lembra que este cambio foi feito aos dous meses de publicar as axudas e inmediatamente despois de coñecer da sanción de 9.000 euros á empresa Inleit por alterar os prezos que tiña pactados cos produtores.

Como esta multa deixaría á empresa fora das axudas, o goberno galego o que fixo foi modificar as bases da orde, co que agora poden resultar beneficiarias as empresas que incumpran coa Lei de Cadea Alimentaria alterando os prezos e prexudicando aos produtores. Seco comparou esta norma coa Lei de Subvencións aprobada por Aznar en 2003 que impide que as persoas con débedas en Facenda ou a Seguridade Social poidan recibir subvencións.

Criticou a hipocrisía da Xunta, que mentres di preocuparse polos agricultores e gandeiros con estas decisións “demostran que o que realmente lles preocupa son as contas de resultados duns cantos empresarios”, aos que “premian con axudas que pagamos toda a cidadanía”. Lamentou que co seu voto en contra de hoxe teñan ratificado que están “do lado  de aquele que maltratan aos produtores, e non dos gandeiros honrados nin das industrias que respectan aos produtores”.

Seco denunciou ademais o escaso interese do goberno galego por vixiar ás empresas que incumpren coa Lei de Cadea Alimentaria, xa que no primeiro ano no que contaron con competencias sancionadoras evitaron fiscalizar ás empresas. Así, mentres o conxunto das comunidades autónomas fixeron naquel ano 550 inspeccións e controlaron 2.000 relacións comerciais, Galicia levou adiante só 15 inspeccións e non puxo ningunha sanción.

Criticou que “o problema a perdas non existe para o goberno galego”, e advertiu que a proposta “non vai en contra da industria agroalimentaria nin de establecer axudas”, senón que “vai contra darlle fondos públicos para beneficiar a aqueles que utilizan os cartos de todos para ter uns beneficios millonarios a costa de non pagarlles un prezo xusto aos produtores”.