Noa Presas: “Este 23X queremos facer historia e que Ourense teña representación nacionalista”

O BNG aposta por ourensanizar a campaña electoral para falar dos problemas de Ourense e ofrecer solucións e alternativas: “sería de xustiza que puidesen ver un debate entre as cabezas de lista das candidaturas que nos presentamos por Ourense”

“Somos o proxecto das persoas ás que lle doe o abandono de Ourense, votaran ou non votaran antes ao BNG. Co bipartidismo clásico non nos foi ben” defende Presas

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 3 de xullo de 2023. O Bloque Nacionalista Galego enfronta esta campaña das eleccións xerais con ilusión ante a oportunidade de facer historia e que Ourense teña, por primeira vez, representación nacionalista. A cabeza de lista do BNG ao Congreso, Noa Presas, e o número 2 da candidatura por Ourense, Eugenio Quintas, coinciden en sinalar as altas posibilidades de que isto pase e, cun Grupo Galego forte no Congreso, o BNG sexa capaz de condicionar de maneira permanente as políticas do Goberno do Estado na defensa dos intereses de Ourense. Afastada da dicotomía entre os bloques de Sánchez e Feijóo, a organización nacionalista ábrese a manter todos os debates co resto de candidaturas que se presentan por Ourense para que a veciñanza coñeza as propostas de cada partido político: “é un dereito para a cidadanía e unha ferramenta básica en democracia”.

“Queremos cambiar o guión desta campaña electoral, lonxe da dicotomía que nos presentan os bloques de Sánchez e Feijóo. Nós apostamos a que estas sexan as eleccións do bloque de Galiza e estamos decididas a ourensanizar esta campaña” comeza a cabeza de lista ao Congreso. Neste sentido, Noa Presas e o equipo que a acompaña na candidatura procurarán “falar problemas das e dos ourensáns aportando as solucións e as alternativas que defendemos no BNG”.

Estas eleccións, ademais de enfrontalas con ilusión na organización nacionalista, para o BNG son “unha oportunidade para facer historia e que Ourense teña, por primeira vez, representación nacionalista no Congreso”. En opinión da candidata, alén de ser un reto encabezar esta candidatura “existen moitas posibilidades de que o BNG saque representación por Ourense o que permitiría tamén contar cun Grupo Galego forte no Congreso para defender Galiza e impulsar avances sociais”.

De facto, nun contexto sen maiorías absolutas, Noa Presas entende que o único voto posíbel en Ourense é o do BNG. “Puidémolo ver nesta lexislatura onde o único deputado do BNG, a pesar de non ser electo por Ourense, defendeu máis os intereses da cidadanía ourensá que os catros representantes de PP e PSOE escollidos por esta circunscrición” asevera.

Debate electorais como dereito e ferramenta básica da democracia

“Esta vai ser unha campaña ambiciosa, con encontros sectoriais e actos de tarde aproveitando cada unha das horas dos quince días. Porque a campaña electoral é un dereito para a cidadanía a que escoiten as propostas que defendemos” explica a cabeza de lista do BNG. Neste sentido, Presas lamenta que a proposta da CRTVG só formule” un único debate electoral ás 10 da mañá nun formato reducido e que non recolle a especificidade dos territorios”.

Temos que lamentar que coa proposta que hai na mesa a crtvg, controlada polo PP, só vai facer un único debate ás 10 da maña nun formato reducido e que non recolle a especificidade dos territorios

Ourense, continúa Presas, comparte moitos problemas co conxunto de Galiza mais tamén ten realidades específicas. Como exemplo, atopámonos con todos os ríos en mans estatais, non ten costa, ten problemas específicos polas súas condicións climáticas a respecto da seca, continúa tendo as pensións máis baixas do Estado e un longo historial de incumprimentos en materia de infraestruturas, tanto viarias como ferroviarias.

“Queremos ourensanizar esta campaña electoral, por iso tendemos a man e ofrecémonos a calquera debate que organice calquera medio de comunicación. Sería de xustiza que as e os ourensáns puidesen comparar os diferentes proxectos políticos” conclúe Presas.