O delegado territorial da Xunta supervisa as obras dun punto de auga, en Arnoia

  • Este novo punto de auga terá unha capacidade de máis de 430.000 litros para carga de helicópteros e motobombas
  • Esta actuación encádrase no Plan preventivo de Galicia que conta cun orzamento de case 38,8 millóns de euros, máis dun 17 % de aumento con respecto ao de 2022

Ourense, 27 de xullo de 2023. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao concello da Arnoia para, acompañado do alcalde, Rodrigo Aparicio, supervisar a execución dun punto de auga, promovido pola Consellería do Medio Rural, con capacidade para máis de 430.000 litros para carga de helicópteros e motobombas.

Esta actuación encádrase no Plan preventivo de Galicia que está en vigor ata marzo do próximo ano 2024 (incluído) e prevé actuar en cando menos unhas 60.000 hectáreas de terreo e nuns 5.600 km de pistas forestais e outras vías, ademais de en case 4.840 puntos de auga, entre a creación de puntos novos e o mantemento dos existentes. Dito plan conta cun orzamento de case 38,8 millóns de euros, máis dun 17 % de aumento con respecto ao de 2022.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial sinalou que a prevención e defensa contra os incendios forestais ten como obxectivo reducir ao mínimo posible os lumes e as consecuencias producidas polos mesmos. En consecuencia, lévanse a cabo accións tendentes a evitar que o lume se produza e, en caso de producirse, reducir ao máximo posible as superficies queimadas.

Por iso, -continuou Gabriel Alén-  “é importante dotar ao territorio dunha rede de puntos de abastecemento de auga para helicópteros e vehículos contra incendios forestais, e  realizar unha distribución óptima para tratar de garantir a máxima eficacia, técnica e económica, dos labores de extinción de incendios, e a partir deste punto establecer a necesidade da instalación de novas infraestruturas de prevención e defensa contra os incendios forestais”. Nese senso, Gabriel Alén sinalou que se están a construír outros puntos de auga semellantes nos concellos ourensáns de Taboadela, Vilamartín de Valdeorras e Muíños.