A Deputación colabora nos actos conmemorativos de homenaxe ao Rexemento Zamora 8, así como na xura de bandeira para a cidadanía do 23 de setembro

O presidente provincial, Luis Menor, recibiu ao subdelegado de Defensa, Jesús Peñas Preckler, e ratificoulle a cooperación da institución nun evento pouco habitual das Forzas Armadas en Ourense, ao non existir unidades militares na provincia 

Ourense, 9 de agosto de 2023.- A Deputación de Ourense colaborará na xura de bandeira para persoal civil, organizada polo Ministerio de Defensa, que terá lugar na cidade o vindeiro 23 de setembro, así como nas actividades que se desenvolverán con motivo da homenaxe ao Rexemento Zamora 8, toda vez que este ano se conmemoran os 80 anos da súa chegada a Ourense.  Así o acordaron o presidente provincial, Luis Menor, e o subdelegado de Defensa, Jesús Peñas Preckler, un encontro institucional onde sentaron as bases da cooperación entre ambos organismos. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Tanto Luis Menor como Jesús Peñas Preckler destacaron que tanto a xura de bandeira como a homenaxe poden ser un gran aliciente para os numerosos ourensáns que fixeron o servizo militar no Rexemento Zamora 8, así como para moitos cidadáns que poden participar nun acto das Forzas Armadas, algo pouco habitual en Ourense ao non existir unidades militares na provincia. 

O Rexemento Zamora 8 estivo durante moitos anos vinculado á provincia de Ourense e é parte da súa historia, xa que lle permitiu a moitos mozos facer o servizo militar voluntario elixindo este destino, preto dos seus fogares e axudando á economía familiar en épocas difíciles. 

Por este marcado compoñente emocional e histórico, están previstas actividades como un concerto, o descubrimento dunha placa conmemorativa, unha exposición fotográfica e de materiais, conferencias, a presentación do libro La huella en Ourense del Zamora 8, editado pola Deputación, e a dun selo de Correos.