O proceso do liño en Vilar de Santos

Máis de 20 veciñas da asociación de mulleres rurais de Vilar de Santos, Arracada, participaron no “arrigado” e “ripado” do liño, como continuación ao proceso de “sementado” que previamente realizaron no pasado mes de maio, nunha leira da praza de Carballedo, cedida para esta finalidade polo concello de Vilar de Santos.

Estas faenas, que xa suman tres fases das catorce previstas para a recuperación tradicional da planta do liño, forman parte das moitas actividades que ao longo do ano realiza esta asociación local de mulleres.

AVANTAR ACTIVIDADES

[O uso tradicional desta fibra textil debe superar 14 procesos ben definidos antes do seu tecido, e están claramente explicados na sala do liño do Museo da Limia, que leva o nome do etnógrafo Xaquín Lourenzo do Museo da Limia.

Procesos: Sementado, arrigado, ripado, empozado, tendillado, mazado, estrigado, espadelado, tascado, restrelado, fiado, sarillado, debanado e tecido].

As dúas labores que se realizaron hoxe polas mulleres da asociación Arracada, continuarán a súa andaina nos vindeiros meses ata chegar ao tecido de pezas e, tanto o Museo da Limia como a asociación de Artesáns da Limia, Limiar, colaborarán, unha vez máis, nesta actividade da asociación Arracada, pondo á súa disposición os medios propios e elaborando unha reportaxe das distintas etapas do proceso completo, a fin de contribuír á persistencia da nosa memoria e á lembranza e recreación dos oficios tradicionais da Limia.