Nota informativa de Espazo Común de Piñor

O alcalde de Piñor non convida ás concelleiras de Espazo Común á visita do Presidente da Xunta.

Dende Espazo Común consideran isto unha mostra máis do sectarismo e  da falta de educación do alcalde , así como da falta de respecto cara os cidadáns que non lle votaron.

AVANTAR ACTIVIDADES

Esíxenlle ó Presidente da Xunta que non sexa cómplice deste comportamento antidemocrático dun  alcalde do seu partido e que polo tanto condene este tipo de condutas .

Piñor, 25 de agosto de 2023. Avisadas polos veciños do rebumbio que estaba acontecendo hoxe á mañá no lugar do Arenteiro; cunha presencia inusitada de xentes afíns ó alcalde, medios de seguridade e de coches de alta gama;  as concelleiras do grupo municipal de Espazo Común souberon de que todo ese balbordo se debía á visita do presidente da Xunta de Galicia. Máis tarde viron as fotografías da visita e mesmo a información colgada nas redes sociais do concello onde se indica que “D. Alfonso Rueda Valenzuela foi recibido polo Alcalde Piñor, D. José Luis González Rodríguez, e xunto cos concelleiros da corporación…” Faltoulle precisar que só estaban os concelleiros de grupo do alcalde, do grupo popular, porque as concelleiras de Espazo Común non foran convidadas á visita presidencial.

Entenden dende Espazo Común que a súa presencia nesa visita lle estorbase a un alcalde que xa ten dado abondosas mostras dun talante no que abunda a prepotencia, o sectarismo e a mala educación. Un alcalde que discrimina a quen sospeita que non lle votou, ou a que non lle din amén a todas as falcatruadas que comete. Pero por moito que lle pese ó alcalde, as concelleiras de Espazo Común están postas no concello pola cidadanía de Piñor, representando a toda a veciñanza e teñen todo o dereito a estar nos actos e eventos que son pagados co diñeiro de todos. Indican que “é difícil de comprender que estean alcaldes de concellos limítrofes e non esteamos nós. Así o Alcalde de Cea está en todas as visitas institucionais que hai en Piñor o que nos fai preguntar se é o Alcalde de Piñor na sombra.”

Agardamos unha explicación do Alcalde de Piñor sobre os motivos polos que non nos convidou. “Abondaba cunha simple chamada ou cunha mensaxe telefónica” indican as concelleiras. Ó tempo demandan do Presidente da Xunta que non sexa cómplice destes comportamentos antidemocráticos e que condene a conduta sectaria dun alcalde da formación política que preside.