O Grupo Socialista esíxelle ao goberno galego un informe oficial sobre as acusacións por posibles chivatazos de Política Social a algunhas residencias de maiores antes das inspeccións

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, esixiulle á Consellería de Política Social sobre as acusacións vertidas pola Asociación Galega de Inspectores de Servizos Sociais por presuntas filtracións do calendario de inspeccións ás residencias de maiores. Ortega levou estas “gravísimas acusacións” á Comisión de Política Social que se celebrou hoxe no Parlamento de Galicia.

A responsable socialista sinalou que a resposta inmediata da Consellería debera ser “tomar medidas en consecuencia e elaborar un informe” que replique “punto por punto” ás acusacións do corpo de inspectores. Lamentou que a resposta da secretaria xeral técnica teña sido hoxe “máis propia dun patio de escola” impoñendo un desmentido sen aportar proba algunha e “atacando ao persoal da Consellería que esta mesma mañá se estaba a manifestar”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Sinalou que estas acusacións, feitas públicas polo corpo de inspectores este mesmo verán, apuntan directamente á conselleira de Política Social como responsable última do que consideran unha “falla de garantías xurídicas interesada”. Alertan de que a finalidade é “desvirtuar a inspección e favorecer ás entidades que se lucran da inoperancia amosada polos responsables da Consellería”.

Marina Ortega advertiu que “lles están acusando de dar chivatazos das inspeccións a certos centros, en detrimento do benestar das persoas maiores e das residencias que cumpren e invisten os seus recursos a favor do benestar” dos seus usuarios.

A parlamentaria socialista explicou que a situación remóntase ao ano 2017, cando o Consello de Contas alertara de que o incremento das prazas privadas en Galicia coincidía coa redución do control e supervisión por parte das inspeccións, ata o punto de que Galicia é a segunda autonomía con menor número de inspectores.

Diante da alerta por posibles filtracións das inspeccións, hai seis meses os inspectores acordaron cos responsables da Consellería que terían autonomía para decidir as datas das inspeccións. Sen embargo, en xullo a Consellería decidiu suprimir este mecanismo e facer unha programación cunha semana de marxe á que terían acceso numerosos cargos da Consellería, abrindo de novo a posibilidade ás filtracións, o que provocou a denuncia dos inspectores.