O concello de Piñor abre o prazo de inscrición para o programa de conciliación “Familias Tardías”

O Concello de Piñor informa da apertura do prazo de inscrición para o Programa PIÑOR CONCILIA “Familias Tardías” para o curso escolar 2023-2024, que será gratuito para tódalas familias.

Trátase dunha medida de conciliación da vida familiar e laboral, validada pola Xunta de Galicia, e que pretende acadar as seguintes finalidades:

AVANTAR ACTIVIDADES

– Fomentar a incorporación á vida laboral das familias con membros en situación de desemprego.

– Potenciar a redución das dificultades de conciliación que comporta tamén unha vida familiar máis satisfactoria para todos os membros da unidade familiar.

– Ampliar o horario no que os nenos/as están baixo supervisión e apoio de educadores/as, dando tranquilidade e garantías as familias.

– Reducir o desaxuste existente entre o horario escolar cos horarios laborais.

Este servizo finánciase integramente pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Igualdade.

O servizo de Familias Tardías atende ós cativos dende a saída do colexio ata as 20:30 h os luns e martes, e ata as 19:30 h os mércores, xoves e venres, no Centro Social (Albarona). Para elo, os participantes poderán cambiar a parada escolar para Albarona, onde o/a monitor/a os esperará para acompañalos ó Centro Social. Finalmente, deberán ser recollidos á hora de remate polas familias no propio Centro Social.  Como outros anos,  ofrecerase apoio escolar diariamente ós cativos que cursen Primaria ou ESO, e o programa desenvolverase dende o 2 de outubro de 2023 ó 21 de xuño de 2024.

Seguirase o calendario escolar do colexio de referencia (CPI Virxe da Saleta), de maneira que os días non lectivos de carácter esporádico (ponte, etc) Familias Tardías pasará a ofrecerse en horario de mañá, de 10h a 14h. Por outra banda, nos períodos vacacionais (Nadal, Semana Santa e Entroido), o concello ofrecerá outras actividades de conciliación de carácter máis lúdico.

Por motivos organizativos, o prazo de inscrición será ata o 25 de setembro, e as bases de admisión están publicadas no taboleiro de anuncios da sede electronica do Concello de Piñor, (https://pinor.sedelectronica.gal).

Toda persoa interesada debe acudir a Servizos Sociais, onde obterá máis información.