Explosión creativa, paraugas e estrelas na Gala Inaugural do 28º OUFF o venres 29 de setembro

O cineasta Ángel de la Cruz dirixe a gala espectáculo no Auditorio Municipal de Ourense, na que se proxectará a coprodución galega El sueño de la sultana, de Isabel Herguera

O director mexicano Arturo Ripstein recollerá a Calpurnia de Honra Internacional; Gutiérrez Aragón, Olga Osorio e Mariana Carballal, outros premiados na gala

AVANTAR ACTIVIDADES

Durante a gala do venres 29 proxectarase en primicia un avance do documental sobre a vida de Adolfo Domínguez

Conducida por Ledicia Sola e Sergio Pazos, contará coa música da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e de Mercedes Peón

Chuvia de estrelas. Así titula e define o director de cine Ángel de la Cruz o que vai acontecer na Gala Inaugural do 28º Ourense Film Festival, o vindeiro venres 29 de setembro a partir das oito da tarde. O punto de arranque de dez días intensos para a cidade de Ourense e parte da súa provincia será un espectáculo con música, sorpresas e, claro, cinema, que terá lugar no Auditorio de Ourense. O director mexicano Arturo Ripstein recibirá a Calpurnia de Honra Internacional na gala que contará con outros premiados deste 28º OUFF: os directores Manuel Gutiérrez Aragón e Olga Osorio, e a actriz Mariana Carballal. Conducida polos actores Ledicia Sola e Sergio Pazos, con escenografía de Goyo Iglesias, a gala contará coas actuacións da Real Banda de Gaitas de Ourense e de Mercedes Peón. El sueño de la sultana, de Isabel Herguera,será o broche de ouro dunha gala na que, ademais, o público poderá ver en primicia o teaser do documental sobre Adolfo Domínguez. Desde a organización do festival, que se desenvolve do 29 de setembro ao 8 de outubro, convídase á cidadanía a non perder esta gala, de clara inspiración ourensá, na que choverá, si, pero moita creatividade.

O cineasta Angel de la Cruz, director de títulos como Los muertos van deprisa ou El sueño de una noche de San Juán, é o responsable dunha gala que conta co director de arte ourensán Goyo Iglesias para a escenografía e ambientación. “O certo é que a imaxe deseñada por Mon Devane para esta edición do festival contén elementos que nos inspiran para o desenvolvemento da gala. Esa tradición da terra de paragüeiros e afiadores, por unha parte, e ese elemento de modernidade que é a cámara de cine, van estar moi presentes nesta gala espectáculo”, di o cineasta, que promete moitos paraugas na gala inaugural do OUFF. A imaxe do festival en 2023, presentada o pasado mes de agosto, está deseñada polo artista urbano nacido en Ourense, Mon Devane, un dos máis reputados do momento, que ideou un art toy, peza metade boneco metade escultura que representa un home ourensán con paraugas ao lombo e cámara en man, e que vai estar moi presente na gala dirixida por Angel de la Cruz.

Angel de la Cruz

O prestixio en aumento do OUFF tamén estivo na mente de Angel de la Cruz á hora de formular o guión e a ambientación da gala. “Denominala “Chuvia de estrelas”, ademais de facer referencia a esa tradición de paragüeiros e afiadores, refírese á calidade e nivel das películas das diferentes seccións do festival. As estrelas son as películas”, sinala .A gala será conducida por dous mestres de cerimonia moi coñecidos para o público, de orixe ourensá: Ledicia Sola, coñecida polo gran público polas series Vivir sin permiso, Gran Reserva, Amar es para siempre, Pazo de familia ou The Mallorca Files, e polo actor, cómico, presentador e reporteiro Sergio Pazos.

Ripstein, Gutiérrez Aragón, Osorio e Carballal, premiados na gala

Sen dúbida, outro enorme atractivo da gala para as persoas amantes do cinema é a presenza dalgúns dos premiados do 28ª Ourense Film Festival. Considerado o mellor director mexicano contemporáneo, Arturo Ripstein estará na gala inaugural para recibir a Calpurnia de Honra Internacional. Estará acompañado por Paz Alicia Garciadiego, a gran guionista e escritora, compañeira do mexicano e colaboradora das súas películas desde mediados dos anos oitenta. Tamén recibe o cineasta Manuel Gutiérrez Aragón o Premio Especial OUFF que recoñece “a súa contribución á cinematografía española do último medio século, así como a súa sensibilidade literaria e ser un dos autores máis recoñecidos da súa xeración no plano internacional”.

Dúas premiadas máis, galegas, na gala do 29 de setembro. A directora Olga Osorio, Premio Chano Piñeiro 2023, con ¡Salta!, a súa primeira longametraxe de ficción, nas carteleiras dos cinemas españois desde hai só unhas semanas. Tamén Mariana Carballal, directora, actriz, docente e activista, que recollerá na gala o Premio OUFF Ourense a unha longa traxectoria na que vai deixando pegada en múltiples proxectos e facetas profesionais. Todos os premiados recibirán o galardón do prestixioso escultor Manuel Buciños.

Ao vivo: Real Banda de Gaitas e Mercedes Peón

Na gala deseñada e guionizada por Ángel de la Cruz, non vai faltar música ao vivo ao redor do eixo tradición e modernidade. A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, que constitúe a máxima expresión artística dos quince mil alumnos que estudian os segredos da gaita na Escola Provincial de Gaitas, será a encargada da apertura da gala inaugural do OUFF. E máis música, coa compositora, cantante e divulgadora Mercedes Peón, que achegará unha experiencia sensorial poderosa acompañada sobre o escenario de Ana Fernández e Mónica de Nut, rompendo as formacións clásicas de liderado e acompañamentos, con catro intervencións musicais durante a gala do 29 de setembro.

El sueño de la sultana

Coproducida por Abano Producións, empresa galega que conduce a produtora Chelo Loureiro, El sueño de la sultana, de Isabel Herguera, acaba de marcar un fito sendo o primeiro filme de animación europeo presente na Sección Oficial do Festival de Cine de San Sebastián. O público ourensán ten a fortuna de poder asistir á súa estrea en Galicia durante a Gala Inaugural do OUFF 2023. Neste soño que presenta Herguera na que é a súa primeira longa, Inés, unha directora de animación española que está en Ahmedabad para romper co seu amante indio, entra nunha libraría onde descobre Sultana’s Dream, de Rokeya Hossain, na que se fala dun país imaxinario gobernado por mulleres. A película está Inspirada polo conto de ciencia ficción feminista escrito en Bengala en 1905 pola pensadora, educadora, activista social e defensora dos dereitos da muller Rokeya Hussein.

Teaser en primicia do documental de Adolfo Domínguez

Outro regalo para o público da gala será a proxección en primicia do teaser do documental sobre Adolfo Domínguez, patrocinado pola Deputación de Ourense e impulsado pola Fundación Adolfo Domínguez. O documental pretende descubrir aspectos inéditos na vida do deseñador nas diferentes etapas da súa traxectoria persoal e profesional. Con máis de 350 tendas en 22 países, Adolfo Domínguez converteuse nunha das marcas míticas da moda internacional, tras 47 anos no mercado e 40 anos despois de lanzar o lema “La arruga es bella”. A Gala Inaugural do OUFF contará coa presenza de Adriana Domínguez, presidenta executiva de Adolfo Domínguez.

Un espectáculo para a cidadanía

O director e guionista da gala, Ángel de la Cruz, reserva sorpresas, non quere contalo todo co obxectivo de que o público teña unha experiencia imborrable durante a gala inaugural do OUFF. Tamén durante a gala haberá momento para homenaxear o ex presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, polo seu apoio ao festival nos últimos anos. Desde a organización do festival convídase á cidadanía a non perder esta gala, de clara inspiración ourensá, e con este motivo habilita o correo administración@ouff.org para confirmar asistencia.

O 28º OUFF, do 29 de setembro ao 8 de outubro, está organizado pola Fundación Carlos Velo co patrocinio principal da Deputación de Ourense. Son copatrocinadores a Xunta de Galicia, Abanca, La Región, Gadis e Hijos de Rivera.

Toda a información do festival en ouff.org