O concello de Ribadavia difundirá a súa aposta polo turismo e a cultura na bienal intercultural transfronteiriza de Vimioso, en Portugal

  • O congreso internacional e a semana intercultural, baixo a denominación “Confluencias e Fronteiras”, celebraranse nesta localidade portuguesa entre mañá e o 4 de outubro
  • A participación nesta cita nace dun encontro en agosto co presidente da entidade organizadora, Inter+Value, e é o primeiro paso dun proxecto europeo que desenvolverá o Concello de Ribadavia
  • A bienal contará coas actuacións da Lira, as Pandereteiras da Istoria ou o grupo de baile medieval Donas sen cabaleiros

Ribadavia, 26 de setembro de 2023.- O Concello de Ribadavia participa dende mañá na primeira edición da Bienal Intercultural Transfronteiriza e Europea de Vimioso, que se celebrará nesta localidade portuguesa ata o vindeiro mércores 4 de outubro.

A cita está organizada pola asociación Inter+Value e a Cámara Municipal de Vimioso, e contará coa presenza de representantes de asociación, fundacións e entidades de diferentes puntos de Europa.

AVANTAR ACTIVIDADES

Neste congreso internacional e semana intercultural, denominado “Confluencias e Fronteiras”, o goberno municipal -representando polo alcalde, César Fernández- difundirá as actividades que se están levando a cabo en Ribadavia na dinamización do territorio.

En concreto, no foro internacional poranse en valor iniciativas turísticas e culturais de Ribadavia, ademais de proxectos etnográficos e actividades de voluntariado local e internacional. Difundirase o traballo do Museo do Viño de Galicia ou da propia Festa da Istoria, coa actuación das Pandereteiras da Istoria e o grupo de baile medieval Donas sen cabaleiros. Tamén estará en Portugal a banda de música da Lira.

Punto de partida para un proxecto europeo en Ribadavia

A presenza de Ribadavia nesta bienal nace dun encontro co presidente de Inter+Value, en agosto, co obxectivo de analizar posibles colaboracións.

Nesta liña, a presenza de Ribadavia en Vimioso é o punto de partida para elaborar un proxecto europeo co obxectivo de afondar na promoción da vila e establecer vencellos con diferentes rexións europeas. 

O Alcalde de Ribadavia César Fernández sinalou que “Esta Bienal Intercultural Transfronteiriza de Vimioso é unha magnífica oportunidade para dar a coñecer o dinamismo social e cultural de Ribadavia a diferentes representantes de ciudades e vilas doutros países europeos. Asemade, a Bienal de Vimioso será unha oportunidade para conseguir socios de diferentes países da Unión Europea para presentar proxectos conxuntos encamiñados a dinamizar os respectivos territorios.”