A Xunta culmina un investimento de 445.000 euros para dotar de acceso o parque empresarial de Beariz desde a estrada OU-212

Conectouse a estrada autonómica co viario interior do futuro parque de Lebozán, co obxectivo de darlle maior operatividade á área industrial e reforzar a competitividade e as potencialidades empresariais do municipio

Para iso actuouse ao longo de 250 metros pola marxe esquerda da vía, executando unha intersección que permite todos os movementos, en especial dos vehículos pesados que se acheguen ao polígono

AVANTAR ACTIVIDADES

Habilitáronse cuñas de aceleración e desaceleración de 30 metros de lonxitude para facilitar a incorporación e a saída da estrada, ademais dun carril central de espera para favorecer os xiros desde esta vía autonómica cara á área empresarial

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras que dotan de acceso o parque empresarial de Beariz desde a estrada OU-212, unha actuación que supuxo un investimento autonómico de 445.000 euros.

A intervención executada ten como obxectivo que o futuro parque empresarial dispoña dun acceso cómodo e seguro desde esta vía autonómica, para reforzar a competitividade e as potencialidades empresariais do municipio.

Esta actuación é o resultado dun estudo onde se analizaron seis alternativas, tendo en conta a xeometría da estrada, a funcionalidade e a seguridade viaria. A solución concreta está recollida no Plan Especial de Creación de Solo Industrial do Concello de Beariz, desenvolvéndoa segundo o previsto no informe de sustentabilidade ambiental dese plan.

En concreto, actuouse ao longo duns 250 metros na estrada OU-212 pola marxe esquerda da vía, executando unha intersección que permite todos os movementos, en especial dos vehículos pesados que se acheguen ata o polígono.

Os traballos executados incluíron a habilitación de cuñas de aceleración e desaceleración de 30 metros de lonxitude para facilitar a incorporación á estrada e tamén a saída cara ao polígono en condicións de seguridade, ademais de carril central de espera para favorecer os xiros desde a OU-212 cara á área empresarial, pensando en ofrecer maiores facilidades aos camións.

Na zona onde se executou a nova conexión o trazado está formado por unha recta duns 400 metros de lonxitude que, aproximadamente no seu punto medio, conta cunha estrutura de vigas prefabricadas que permite o paso sobre o regato existente.

A intervención incluíu a instalación de canalizacións de servizos baixo a berma que serve de protección contra os desprendementos de terras, en previsión da necesidade futura de darlle continuidade á iluminación do parque empresarial, de forma que só sexa necesario a instalación de báculos e de cableado.