Deputación e Colexio de Xornalistas acordan potenciar o Premio de Xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”

Reunión Luis Menor (Presidenta da Deputación de Ourense) con Paco Sarria (Onda Cero Ourense).

O presidente da Deputación e o decano do Colexio de Xornalistas de Galicia mantiveron un encontro de traballo no Pazo Provincial co fin de estreitar a colaboración entre ambas entidades e reforzar o achegamento do labor xornalístico á sociedade ourensá. Luis Menor e Francisco González Sarria acordaron a necesidade de potenciar o Premio de Xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”, que este ano alcanzou a súa 32ª edición, tratándose dun certame instaurado pola institución provincial como homenaxe e lembranza do xornalista ourensán que lle da o seu nome, falecido en 1988, e en defensa do xornalismo de calidade feito en Galicia.  

“O Premio Carracedo é un sinal de identidade e símbolo de liberdade na nosa provincia, e por iso debemos relanzalo trala merma que sufriu por mor da pandemia”, sinalou Luis Menor, quen tamén se amosa disposto a poñer en marcha iniciativas, en colaboración co Colexio de Xornalistas, como obradoiros para escolares, “coa fin de achegar o labor xornalístico á cidadanía e ensinarlles aos máis novos a saber discernir entre a información veraz e as noticias falsas”. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Pola súa banda, o decano do Colexio de Xornalistas recalcou que “a traxectoria do Premio Carracedo o avala e consideramos que debe ser reforzado”. Tamén abundou Francisco González Sarria na necesidade de cooperar coa Deputación en diferentes programas de formación en centros de ensino, como por exemplo para abordar temas de igualdade desde o punto de vista do Xornalismo e que poida servir como materia de traballo para o alumnado da provincia.   

Tanto Luis Menor como Francisco González Sarria manifestaron a súa satisfacción pola cooperación que a Deputación e o Colexio de Xornalistas van a manter “de primeira man e con altura de miras”.