O Concello de Piñor pon en marcha talleres de estimulación cognitiva

O Concello de Piñor informa da posta en marcha dunha actividade moi solicitada polas persoas maiores: talleres de estimulación cognitiva. Como entidade dentro da rede de Concellos Saudables, o obxectivo é atender ás necesidades da poboación en todo o que ateña á súa saúde, promovendo o benestar da veciñanza.

“Mente activa” consiste na realización semanal de actividades de estimulación cognitiva impartidas por un profesional da materia, destinadas a persoas de 60 anos en adiante. Chegada unha idade, é moi importante manter a mente en forma, non soamente o corpo. A estimulación cognitiva é un conxunto de técnicas que procuran a mellora de capacidades cognitivas como a memoria, a atención, a linguaxe… e que ademais pode traer beneficios coma os seguintes:

AVANTAR ACTIVIDADES

-Reforzar a autonomía funcional das persoas maiores para realizar tarefas da vida cotiá de forma autónoma.

-Ralentizar o proceso de deterioro cognitivo.

-Reforzar e aumentar a autoestima da persoa.

-Fomentar a interacción social e evitar que as persoas queden illadas.

-Evitar episodios de estrés e ansiedade provocados polo deterioro cognitivo.

-Mellorar a calidade de vida da persoa e a súa sensación de benestar emocional e psicolóxico e de saúde xeral.

A actividade levarase a cabo os mércores de 10:30h a 11:30h no Centro Social de Albarona, dende o 8 de novembro ó 27 de decembro. No caso de haber un grupo mínimo de persoas asistentes, procurarase a continuación da actividade.

Toda persoa interesada en participar pode solicitar máis información e inscribirse nos Servizos Sociais.