A Xunta pon en valor o proceso asistencial integrado para pacientes en enfermidade renal crónica

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, reuniuse esta mañá co novo presidente de ALCER Ourense, Miguel Ángel Quintas,  trala súa recente elección, o pasado 24 de setembro, quen informou ao delegado dos fins deste  colectivo e dalgunhas actividades nas que están a traballar.

Tras saudar ao presidente polo seu nomeamento e desexarlle o maior dos éxitos na nova etapa que comeza, o delegado territorial detalloulle polo miúdo o PAI (Procesos Asistenciais Integrados) de enfermidade renal crónica que indica que os pacientes cos graos avanzados desta enfermidade necesitan consellos dietéticos complexos e establece a súa atención por parte do persoal de nutrición de atención primaria.

AVANTAR ACTIVIDADES

Como novo mecanismo de control da progresión da enfermidade -explicou Gabriel Alén-, este documento contempla a creación do ‘Código Fístula’. Debido a que a trombose da fístula arterio-venosa é unha das complicacións que poden ter os pacientes en hemodiálise e que o seu resultado pode ter unha incidencia importante na evolución da enfermidade, habilítase este código como unha vía rápida para diminuír o tempo entre a trombose e a súa revascularización.

Así mesmo, o delegado territorial puxo en valor o proxecto piloto que está a desenvolver o centro de saúde de Mariñamansa cun algoritmo que axuda á detección precoz da enfermidade, e que xa detectou xa máis de 220 pacientes con datos analíticos de enfermidade renal crónica.

ALCER

ALCER é unha asociación de carácter social e sen ánimo de lucro que ten como finalidade xeral, contribuír á axuda moral e física de todas aquelas persoas afectadas por enfermidades renais; desenvolvendo distintas actividades enfocadas á prevención e a loita contra as enfermidades que afectan ao ril.

A asociación está composta por enfermos renais crónicos en tratamento de diálise, transplantados de ril, así como persoas sensibilizadas con este tipo de enfermidades e a súa problemática.