O Concello de Piñor informa da súa programación de actividades polo 25-N

O Concello de Piñor informa da súa programación de actividades polo 25-N “Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero”.

A importancia de fomentar a igualdade de xénero é a base para a eliminación da violencia de xénero, algo que se adoita a traballar dende o Concello de Piñor xa sexa con iniciativas específicas ou de maneira transversal noutras de carácter máis xeral.

AVANTAR ACTIVIDADES

Este novembro 2023 o Concello de Piñor vén de elaborar unha programación de varias actividades en prol da loita contra a violencia de xénero, variadas e enfocadas a chegar a todo colectivo poboacional.

  • EXPOSICIÓN ILUSTRADA “A VIOLENCIA DE XÉNERO….DILLE NON!”: como concello integrado dentro da Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, o Concello de Piñor ofrecerá esta exposición en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade, que pretende mediante diferentes ilustracións axudar á poboación a detectar e previr condutas nocivas nas relacións. A exposición poderá visitarse nas dependencias do Concello de Piñor dende o 23 de novembro ó 5 de decembro, en horario de 8:30h a 15h.
  • ACTIVIDADES DE SENSIBILIZACIÓN NO PROGRAMA DE CONCILIACIÓN “FAMILIAS TARDÍAS”: na tarde do venres 24 de novembro, a monitora do programa de conciliación “Familias Tardías” realizará cos cativos participantes varias iniciativas lúdico-educativas, entre elas o visionado dunha curtametraxe e a elaboración dun vídeo cos nenos e nenas, baixo o título “En Piñor dicimos NON á violencia de xénero”.
  • TEATRO MUSICAL “A FADA QUE NON SABIA SER FADA” (Trémola Teatro): o sábado 25 de novembro ás 17h terá lugar no Centro Social de Albarona a representación da obra “A fada que non sabía ser fada”, destinada a tódolos públicos. Entrada de balde. Esta actividade está organizada polo Programa de Educación Familiar do Concello de Piñor, cofinanciado pola Unión Europea e a Consellería de Política Social e xuventude.

Animar á poboación a participar nestas actividades, procurando con elo a implicación da poboación nunha loita social tan importante como é a erradicación da violencia de xénero.