no Magosto Popular organizado polo PP de Ourense Alfonso Rueda aposta pola estabilidade e a unión coa cidadanía fronte aos muros e as chantaxes

  • O presidente amósase convencido de que, con Luis Menor e Victoria Núñez, o PP ourensán seguirá sumando éxitos e vitorias e pide a cambio poder seguir contando con todos eles para seguir defendendo os intereses dos galegos, seguir construíndo maiorías e seguir sendo a alternativa seria e útil para os veciños
  • Comprométese tamén a que Galicia demandará con esixencia un trato digno e aposta por seguir facendo aquelo polo que a xente confía no PPdeG: gobernar, dialogar, acordar e fomentar a convivencia

24 de novembro de 2023. O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, avogou hoxe por unha política baseada na estabilidade e na unión coa cidadanía fronte a aqueles que optan por levantar muros e ceder ante chantaxes e pactos opacos que poñen en perigo a dignidade de Galicia e o modelo territorial do conxunto de España.

AVANTAR ACTIVIDADES

Fíxoo esta tarde no Magosto Popular de Ourense e referíndose aos momentos convulsos que atravesa a política nacional nestes momentos a causa da deriva do Goberno de Pedro Sánchez. Criticou neste sentido as contradicións de quen prometeu que non habería amnistía e a concedeu, e de quen dicía que a condonación de débeda era unha mentira cando en realidade vai custar 400 euros a cada galego.

O líder dos populares galegos asegurou que aínda hai moito máis que a cidadanía non sabe e que se pactou detrás das cortinas e que, en calquera caso, suporá poñer en perigo o modelo territorial a igualdade dos españois.

Neste sentido comprometeuse a que Galicia non será unha mera espectadora e demandará e con esixencia un trato digno, do mesmo xeito que apostou por seguir facendo aquelo polo que a xente confía no PPdeG: gobernar, dialogar, acordar e fomentar a convivencia.

O presidente Rueda reivindicou a estabilidade do Goberno galego, a cal permite que se poidan facer boas políticas con rigor nas contas públicas, gobernar para todos e baixar os impostos ao tempo que se melloran os servizos públicos.

Algo que exemplificou en medidas pioneiras en todo o Estado como o bono de 5.000 euros para dependentes que son coidados no seu fogar, o bono deporte para os máis pequenos, a atención educativa gratuíta de 0 a 3 anos e o calendario de vacinación máis completo do mundo.

NON HAI PP DE GALICIA SEN O PP DE OURENSE

Acompañado do líder provincial, Luis Menor, e da presidenta da xestora local, Victoria Nuñez, o presidente do PPdeG asegurou que non hai PP en Galicia sen o PP de Ourense e que así o demostra o feito de que esta fose a segunda provincia con maior apoio ao partido en toda España nas últimas eleccións xerais.

Agradecendo a todos os representantes do partido o seu compromiso e o seu traballo diario, Rueda destacou a lección que o PP de Ourense vén de dar sobre como facer un cambio tranquilo desde a unidade e o consenso e sobre como renovar os equipos mantendo todo o bo e, aínda así, sendo quen de melloralo.

Unha afirmación que exemplificou en Luis Menor, de quen asegurou que coa súa capacidade está a superar todas as expectativas, e en Victoria Núñez, que demostra cada día que está á altura do desafío que emprendeu.

Por todo isto amosouse convencido de que o PP ourensán seguirá sumando éxitos e vitorias e pediulles a cambio poder seguir contando con todos eles para seguir defendendo os intereses dos galegos, seguir construíndo maiorías e seguir sendo a alternativa seria e útil para os veciños.

LUIS MENOR: “PISEMOS O TERRITORIO E FAGAMOS MÁIS PARTIDO”

“Hai fame de partido”, dixo pola súa banda Luis Menor afirmando que “para saciar esa fame temos un menú especial que ten como primeiro prato a primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda”.

O presidente da xestora provincial pediu “ver ao Partido Popular de Ourense mobilizado, con respostas multitudinarias ás nosas convocatorias e loitando como un exército pacífico pola xustiza e a igualdade”.

“Haberá moitas oportunidades para xuntarse en calquera recuncho da provincia e facer partido”, engadiu ao tempo que explicaba que “xuntanzas deste tipo dannos forza, como a que demostramos o 12 de novembro reunindo a máis de 4.000 persoas en defensa da igualdade”.

Luis Menor lembrou que esta mesma semana pediu aos membros da xestora provincial que “pisen o territorio e fagamos máis partido” coa máxima coordinación entre os cargos de representación e institucionais do partido. O mesmo que pido hoxe na capital provincial: “Pisar a cidade, os seus núcleos rurais e todos os recunchos para que ninguén se sinta orfo de apoio político e de apoio do PP”.

Avogou por un Partido Popular “da xestión eficiente, do interese xeral, que busque consensos e non tema ao diálogo”, expresando o seu desexo de que este domingo, logo da repetición das eleccións locais en Castro Caldelas, a súa formación poida demostrar todas estas capacidades con César Enríquez ‘Cachín’ como alcalde.

VICTORIA NÚÑEZ: “TEMOS UN PARTIDO UNIDO, FORTE E COMPROMETIDO”

Na quenda de intervencións tamén falou a presidenta da xestora do PP local, Victoria Núñez, que asegurou dirixíndose a Alfonso Rueda e a Luis Menor que “co Magosto Popular queremos mostrarvos que hoxe tendes en Ourense un partido unido e forte, comprometido e disposto a apoiar todas as causas que supoñan defender unha sociedade xusta e igual aquí, no resto da provincia, en Galicia e por suposto en toda España”.

Ourense, engadiu, “non pode deixar de empurrar ese autobús que levará a Alfonso Rueda á súa primeira maioría absoluto nin deixar de empurrar a Luis Menor”, que lidera unha nova etapa no PP de Ourense e que “volverá situar o partido no máis alto”.