A xornalista e escritora pontevedresa Sara Vila, gañadora do XLII Premio Blanco-Amor pola obra O Incendio

O xurado, que escolleu a obra gañadora de entre un total de 21 orixinais, destaca “o tratamento desprexuizado” do acoso escolar e sexual, así como das relacións familiares desde a perspectiva da protagonista da novela, que conta nesta obra a súa adolescencia

AVANTAR ACTIVIDADES

Organizado pola Fundación Eduardo Blanco-Amor coa colaboración da Deputación de Ourense, o premio está dotado con 15.000 euros e unha peza artística do escultor de Acisclo Manzano

O galardón, o máis veterano e de maior prestixio da novela en lingua galega, entregarase o próximo 1 de decembro durante un acto literario no Liceo de Ourense

Ourense, 25 de novembro de 2023.- A xornalista  e escritora pontevedresa Sara Vila Alonso é a gañadora do XLII Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor pola súa obra O Incendio. Así o acordou esta mañá o xurado do certame, reunido no Centro Cultural Marcos Valcárcel, que escolleu a obra gañadora de entre un total de 21 orixinais presentados a esta edición. Organizado pola Fundación Eduardo Blanco-Amor coa colaboración da Deputación de Ourense, o premio está dotado con 15.000 euros e unha peza artística do escultor  Acisclo Manzano.  

No seu fallo, o xurado destaca “o tratamento desprexuizado” do acoso escolar e sexual, así como das relacións familiares. Desde a perspectiva da protagonista (unha muller que relata a súa adolescencia) e cunha voz poderosa e crúa, sinala a acta, a obra achégase a un “universo adolescente e rural que foxe da mitificación a través de personaxes ben construídos, realistas e coherentes”. 

A dureza dunha realidade pouco compracente, engade o xurado, “contrasta co sentido do humor no tratamento das diferenzas entre mocidade e vellez, ademais coa asepsia dos adultos e a problemática da infancia, ou a vitalidade do primeiro encontro coa morte”.  

Una vez concluída a reunión do xurado, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, comunicou por vía teléfónica á xornalista pontevedresa a concesión deste galardón pola obra que presentou ao certame baixo o lema Neboeiro.  

O xurado, que destacou a calidade literaria dos traballos presentados, estivo presidido por Luis González Tosar, en representación da Fundación Blanco-Amor, e integrado por Xosé-Henrique Costas González, catedrático de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo; Maite Jiménez Pérez, catedrática de Latín e tradutora; César Lorenzo Gil, xornalista, editor e escritor; e Inmaculada Otero Varela, filóloga e ensaísta galega. 

O Premio Eduardo Blanco-Amor é o galardón máis veterano e de maior prestixio da novela en lingua galega e leva implícita á publicación da obra por unha editorial escollida polo gañador. A entrega desta distinción celebrarase o próximo 1 de decembro –data do falecemento do autor no ano 1979-  durante un acto literario previsto para as 20.00 horas no Liceo de Ourense. 

Xornalista e escritora 

Sara Vila Alonso (As Neves, 1989) é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e na actualidade é xefa de Comunicación da Editorial Xerais. Como autora acadou en 2016 o primeiro premio no Certame Literario Viadutos de Redondela polo relato Adeus, María

Na súa etapa como xornalista no Diario de Pontevedra foi recoñecida co segundo premio Comunicar en Igualdade 2019 polo artigo O noso toque de queda

Oito días sen Eva Cortes é a súa primeira incursión na novela, coa que gañou en 2021 a quinta edición do Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos, convocado pola Editorial Galaxia en colaboración co Ámbito Cultural de El Corte Inglés. Unha obra da que o xurado destacou entón a súa solvencia narrativa e tratamento de temas de plena actualidade.