I concurso de postais “Nadal porta a porta” do concello de Piñor

Dende o Concello de Piñor infórmase da posta en marcha dunha iniciativa totalmente innovadora, destinada a fomentar o respecto e coidado ás persoas maiores, nunha época do ano tan importante como é o Nadal.

O Programa de Educación e Apoio á Familia municipal, financiado con Fondos Europeos e pola Consellería de Política Social e Xuventude, organiza esta actividade destinada a achegar os bos desexos para o Nadal a cada casa, a cada porta, sobre todo no caso das persoas maiores, que moitas veces no rural viven soas e illadas. Ademais, temos que ter en conta que o vínculo entre maiores e cativos no rural é moi plausible, sendo moitos os proxenitores que dependen da figura do avó/avoa en temas de conciliación, sendo un rol que é moi importante reforzar e destacar ante os menores, dándolle a importancia que require. Co I CONCURSO DE POSTAIS “NADAL PORTA A PORTA” preténdese obter unha postal que sexa a felicitación oficial do Concello de Piñor para chegar a cada casa, procurando que entre o Nadal en cada porta e, sobre todo, que as nosas persoas maiores se sintan acompañadas nunha época do ano tan importante coma esta. Implicando ós nenos e nenas nesta tarefa, procuramos fomentar na nosa infancia o respecto e coidado dos nosos maiores, axudándolles a producir un sorriso neste Nadal.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os nenos e nenas interesados en participar nesta iniciativa, deben ter entre 6 e 16 anos de idade, e presentar o seu debuxo/postal no Concello de Piñor dende o 1 ó 11 de decembro ás 14h. As bases que rexen o concurso están publicadas na Sede Electrónica e nas redes sociais do concello, sendo as seguintes:

  1. Poderán participar nenos e nenas de entre 6 a 16 anos de idade. Os traballos deberán ser debuxos que versen sobre o Nadal.
  2. Os traballos deberán ter tamaño medio folio A4, en orientación vertical ou horizontal, de forma indistinta. Non poden levar datos persoais da súa autoría.
  3. Soamente se admitirá un traballo por participante. Deberán entregarse no Concello de Piñor, nun sobre pechado, no cal se deberá introducir:
  4. A postal/traballo realizado.
  5. Outro sobre pechado cos datos persoais do/a autor/a no seu interior: Nome, apelidos, idade, poboación e teléfono de contacto.
  6. O prazo de entrega dos traballos será dende o 1 ó 11 de decembro ás 14:00. O lugar de entrega é Servizos Sociais do Concello de Piñor.
  7. O Xurado estará composto por membros do equipo de goberno e persoal municipal vinculados coa temática do concurso: Alcalde, Concelleira de Servizos Sociais e departamento de Servizos Sociais. Valorarán dous aspectos: orixinalidade e calidade artística, de 0 a 10 puntos. O debuxo máis votado será o empregado como postal oficial do NADAL PORTA A PORTA do Concello de Piñor. En caso de empate escollerase o debuxo do participante de menor idade.
  8. O traballo gañador será publicado no Facebook do Concello o día 13 de decembro.
  9. A participación neste concurso supón a aceptación de tódalas súas bases así como da interpretación que das mesmas efectúe o Xurado.

Esperamos a máxima participación nunha iniciativa tan especial, interxeneracional, solidaria e educativa. Máis información en Servizos Sociais.