O Goberno Local desliza na Xunta de Área de Servizos Sociais ante as preguntas do BNG, “que estamos barallando prescindir das vivendas de emerxencia social”

A Concelleira Rhut Reza considera “un despropósito que habendo familias en situación de vulnarabilidade, que teñen que afrontar o pago de alugueiros excesivos, prescindindo da cobertura doutras necesidades, o Concello lles dea as costas”

AVANTAR ACTIVIDADES

Na Xunta de Área de Admon. Xeral, Loxística e Seguridade, o Goberno Local confirmou que os cargadores para os buses eléctricos instalaranse na nave da actual empresa concesionaria. Para Luís Seara “estamos diante dun feito gravísimo e mesmo ilegal”

Ourense, 12 de decembro de 2023. Na Xunta de Área de Servizos Sociais celebrada esta mañá polo Concello de Ourense e ante a pregunta formulada pola Concelleira do BNG Rhut Reza sobre a situación na que se atopan actualmente os pisos de emerxencia social, a resposta da Concelleira delegada acendeu todas as alarmas no Grupo nacionalista.

Segundo Rhut Reza, “a Concelleira deslizou, tranquilamente, que están barallando prescindir das vivendas de emerxencia social das que dispón o Concello, alegando que son un gasto que non merece a pena, pois eses cartos poden adicarse a outra cousa”.

Rhut Reza denuncia o que desde o BNG “consideramos un despropósito, pois habendo familias en situación de vulnarabilidade, que teñen que afrontar o pago de alugueiros excesivos, prescindindo da cobertura doutras necesidades, o Concello lles dea as costas”, e engade, “desde o BNG urximos a que se arranxen os pisos de emerxencia que están desmantelados desde hai meses para poñelos a disposición das familias máis vulnerábeis”.

O Grupo municipal do BNG tamén destaca que “no seu día o Goberno Local desbotou a nosa proposta de que, puntualmente, se asinara un convenio con todas as entidades do 3º sector que quedaron fóra das axudas por falla de orzamento e agora, segundo anunciou a Concelleira delegada, vai ser a fórmula a empregar a partir do ano que ven”.

Reza agarda que “o camiño polo que optou o Grupo de Goberno chegue a bon porto e desexamos que as entidades reciben o que se lles negou por falla de orzamento, agora suxiren eliminar as subvencións por concorrencia competitiva e que todas as axudas irán vía convenios”.

“Desde o BNG lembrámoslle que o problema está na infradotación da partida e nas mesmas bases que establecen o valor do punto. O problema deste Goberno, que vive ás costas das necesidades da veciñanza, sobor de todo, das persoas en situación de vulnearabilidade, é orzamentario pois levan tres anos sen aprobalos”.

Instalación dos cargadores para buses eléctricos.

Pola súa banda, na Xunta de Área de Admon. Xeral, Seguridade e Loxística e ante a pregunta formulada polo Portavoz nacionalista Luís Seara sobre cando, onde e por canto se van instalar os puntos de recarga para que os buses eléctricos adquiridos polo Concello no seu día poidan entrar en funcionamento, a resposta do Concelleiro delegado chamou poderosamente a atención do BNG xa que “afirmou que os puntos de recargan ían instalarse nas instalacións da concesionaria AVANZA, unha empresa que está a prestar o servizo en precario e que polo tanto xa non ten ningún tipo de vinculación contractual co Concello”.

Segundo Seara, “estamos diante dun feito ao noso entender gravísimo e que mesmo podería ser ilegal pois o Concello vai acometer unha obra, neste caso para instalar cargadores eléctricos, nunhas instalacións dunha empresa privada coa que ademais non hai ningún tipo de vinculación xurída a día de hoxe”.

Por outra banda, desde o BNG denuncia que ante a pregunta de canto custa a instalación e sobre quen vai asumir dito gasto, “o que recibimos foi a calada por resposta unha vez máis”.