Acusacións do PsdeG-Psoe de Xinzo ao conselleiro de medio rural

O Psdeg-Psoe de Xinzo acusa ao conselleiro de medio rural, José González, de mentir “descaradamente” sobre os custes da modernización do sistema de regadío na Limia

“O conselleiro de Medio Rural aparece e desaparece na Limia en función da necesidade de recoller a sementeira de votos, a conta da modernización dos regadíos da Limia”, afirma Elvira Lama

AVANTAR ACTIVIDADES

Os e as socialistas critican qie José González acuda a Xinzo a “mentir e a crear unha falsa alarma social, co único fin de tapar as súas continuas promesas, como a planta de xurros ou o PEL, prometidos hai anos e polos que a comarca aínda segue agardando”

Xinzo de Limia, 17 de xaneiro de 2024. O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia acusa ao conselleiro de Medio Rural e candidato do PP pola provincia de Ourense, José González, de mentir “descaradamente” sobre os custes da modernización do sistema de regadío na Limia. Os e as socialistas sinalan que a sinatura do convenio entre o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e SEIASA asinarase este vindeiro venres, coa presencia do ministro, Luís Planas,  despois de que o 30 de novembro asináranse en Madrid os convenios co resto de comunidades doutras partes de España.

“O conselleiro de Medio Rural aparece e desaparece na Limia en función da necesidade de recoller a sementeira de votos, a conta da modernización dos regadíos da Limia”, afirma a voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo, Elvira Lama Fernández, que tamén pon de manifesto que “estamos ante un novo acto electoralista do PP, que só ven a Xinzo a xerar alarma social, cando o proxecto, encabezado polo Goberno central, segue cara adiante”.

Dende o grupo municipal socialista indican que o conselleiro acude a Xinzo a “mentir sobre uns supostos sobrecustes no convenio entre o Ministerio (80%) e a comunidade de regantes (20%) para este novo proxecto, dicindo que terán que ser asumidos polos regantes, algo que é rotundamente falso”. Neste senso, os e as socialistas fan fincapé noutra das mentiras do conselleiro, quen informou aos regantes que “podían pedir subvencións sobre o IVE que teñen que pagar, cando sabe perfectamente que o IVE non é subvencionable, igual que non o é ningún imposto”.

“Se tanto lle preocupan os regantes da Limia, ben pode poñer a Xunta de Galicia o importe total do 20% que teñen que soportar e asignar dende a súa consellería estes 7 millóns sobre o importe total de 35 millóns que se destinaran ao proxecto presentado, ou cando menos o aval que teñen que adiantar e que ronda o 40% do importe total que lles corresponde aos regantes”, afirma Elvira Lama. Neste senso a voceira socialista tamén afirma que o proxecto “incrementouse substancialmente, pasando dos 16 millóns iniciais aos 35”.

Dende o PSOE de Xinzo esíxenlle a José González que “deixe de sementar mentira, tras mentira, xa que parece que é o mellor que sabe facer este conselleiro”. Mentiras, que en palabras dos e das socialistas “non son novidade”, xa que tal e como sinalan “repítense dende 2019, cando prometeu a planta de xurros para a Limia, pola que aínda seguimos agardando, o mesmo que acontece co Plan Estratéxico da Limia, que aínda non foi presentado despois de 5 anos”.

“Moitas reunións, moitas mesas sectoriais, moita cámara e moita foto, pero a realidade é que a día de hoxe os regantes, os agricultores e os gandeiros de toda a Limia aínda seguen esperando polo PEL e polos obxectivos que nel están redactados”, critica Lama Fernández.

A modernización dos regadíos nas catro comunidades de regantes que está pendente na Limia é unha aposta decidida do Goberno de España por segunda vez. Xa no ano 2009, o Goberno socialista puxo sobre a mesa financiamento nos orzamentos, algo que retirou o Partido Popular cando gobernou dende o ano 2011 ata o ano 2020 e que un novo Goberno socialista volveu a sacar a palestra, en concreto 15.900.000 euros, que subiu a 35 millóns no 2023, unha vez feito o proxecto, que está dimensionado para 4.500 hectáreas, o dobre que o inicial.