O Psdeg-Psoe denuncia que os recortes “masivos” do PP e a política de desmantelamento e precarización de rueda provocaron unha crise “sen precedentes” na sanidade

A candidatura socialista por Ourense mantivo un encontro con representantes da comisión de centro do CHUO para escoitar as reivindicacións e demandas dos profesionais da saúde pública

Carmen R. Dacosta destaca a necesidade de que o CHUO conte cunha unidade de xeriatría “para ofrecer unha mellor atención aos nosos maiores, nunha das provincias máis envellecidas do país”

AVANTAR ACTIVIDADES

Nacho Gómez salienta que da man de Besteiro “pararemos esta deriva na sanidade, impulsando plans e proxectos que permitan recuperar unha atención de calidade e digna para os ourensáns e as ourensás”

Ourense, 29 de xaneiro de 2024. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de manter esta mañá un encontro con representantes da comisión de centro do CHUO para escoitar as súas demandas e reivindicacións ante a crise “sen precedentes” que está vivindo a sanidade pública na provincia de Ourense. As e os socialistas denuncian que os recortes “atroces e masivos” do PP e a política de desmantelamento sanitario e precarización dos contratos, exercida por Alfonso Rueda, está xerando a “completa” destrución do sistema sanitario na provincia.

A candidatura do PSdeG-PSOE por Ourense, encabezada por Carmen Rodríguez Dacosta e Nacho Gómez Pérez, critica as “duras condicións de precariedade e temporalidade” que sofre o persoal activo sanitario no Complexo Hospitalario de Ourense e na provincia. Os e as socialistas destacan que outro dos principais problemas radica nas listas de agarda para recibir atención médica que “supera xa en moitos casos os 10 días para poder acudir a consulta na atención primaria”, unha situación que tal e como afirman “está colapsando o servizo de urxencias do CHUO, xa de por si saturado”.

Da man de José Ramón Gómez Besteiro ao fronte da Xunta de Galicia a partir do 18 de febreiro, os e as socialistas anuncian a posta en marcha dun plan de choque para “reducir os tempos de espera e garantir a atención nun prazo máximo de 48 horas”. Neste senso tamén apuntan a que o candidato socialista á presidencia da Xunta “conta cun proxecto para reverter a situación sanitaria, coa convocatoria de prazas nas diferentes especialidades deficitarias e tamén para as vinculadas a atención primaria nos centros de saúde da provincia”.

A candidata do PSdeG-PSOE ao Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, subliña que a situación da sanidade pública na provincia de Ourense “é dramática, cunha ratio media de médico por paciente moi baixa”. A futura parlamentaria socialista esgrime tamén que as ratios “deben ser estudadas, para solucionar a grave problemática da atención sanitaria, ao igual que os problemas da UCI, que non pode ofrecer un servizo digno e de calidade ante a agravante falta de persoal”.

Rodríguez Dacosta tamén destaca a necesidade de que o CHUO conte cunha unidade de xeriatría, como a que hai en Vigo, xa que tal e como apunta “estamos nunha das provincias máis envellecidas do país, polo que precisamos deste servizo para poder darlle a mellor atención posible aos e ás nosas maiores. A cabeza de lista da candidatura do PSdeG-PSOE fai fincapé en que da man de Besteiro “poremos en marcha un plan na atención primaria, para reestruturar os servizos e dotar de maiores recursos humanos e materias os centros médicos da provincia e o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense”.

Pola súa banda, o candidato socialista pola provincia de Ourense, Nacho Gómez Pérez, salienta que na reunión “transmitíronnos informacións moi preocupantes” e apunta a que “queremos agradecer a labor dos e das profesionais sanitarias, que traballan nunhas condicións moi precarias e fan unha tarefa encomiable”. O número 2 da candidatura do PSOE ourensán pon o foco na política do PP ao que acusa de “destruír a sanidade pública, cunha pésima xestión ao fronte da Xunta e que só busca poñer paus nas rodas para acabar impulsando o modelo privatizador que Rueda quere para a sanidade en Ourense e Galicia”.

Gómez Pérez salienta que da man de Besteiro “pararemos esta deriva na sanidade pública, impulsando plans e proxectos que permitan recuperar unha atención de calidade e digna para os ourensáns e as ourensás”. O candidato socialista tamén apunta a que en pediatría “garantiremos un servizo en todo o territorio, de tal xeito que tódolos concellos teñan acceso a un profesional de pediatría de proximidade e reforzaremos os servizos en centros clave como son as capitais de comarca”.