O Concello de Ribadavia e a Deputación de Ourense colaboran para o Programa Termal Contra A Soidade Non Desexada durante o ano 2024

O Concello de Ribadavia e a Deputación de Ourense colaboran para o desenvolvemento do “Programa termal contra a soidade non desexada”. Este programa vai destinado as persoas maiores de 50 anos que viven soas dentro do Concello de Ribadavia, para que poidan acudir ó Balneario de Cortegada durante un período de 6 meses, o longo deste ano 2024. O programa constará dunha sesión de balneario cada semana, cun custe de 19,80 € ao mes, durante os seis meses que dura o programa, para comezar a partir do 13 de marzo. . As sesións de balneario serán os mércores en horario de 10:00 a 12:00 horas.

As persoas interesadas en participar neste programa deben apuntarse entre os días 26 de febreiro e 7 de marzo nas oficinas dos servizos sociais de Ribadavia, así mesmo, se precisan máis información sobre todos os detalles relativos ao programa, poden achegarse aos servizos sociais ou chamar ao teléfono 988472403.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para César Fernández, alcalde de Ribadavia, “o obxectivo principal deste programa é diminuír a soidade non desexada fomentando a participación en grupos e comunidade, e ao mesmo tempo mellorar a calidade de vida e saúde das persoas maiores que viven soas. Así mesmo con esta iniciativa potenciase o uso das augas termais da Comarca do Ribeiro”.

César Fernández sinalou que “coa participación neste novo programa, o Concello de Ribadavia, continúa aumentando os programas destinados ás persoas maiores coa finalidade de mellorar o seu benestar e a súa calidade de vida. Deste xeito, o programa termal contra a soidade non desexada ven a unirse a outros programas como o de axuda no fogar, xantar na casa, teleasistencia e talleres de memoria e animación social, todos eles co obxectivo fundamental de mellorar a calidade de vida dos nosos maiores”.