O PSdeG-PSOE de Ourense reclama responsabilidades “políticas” tralo colapso e derrubamento da ponte da OU-536 ao seu paso por Xunqueira de Espadanedo

O PSdeG-PSOE de Ourense reclama responsabilidades “políticas” tralo colapso e derrubamento da ponte da OU-536 ao seu paso por Xunqueira de Espadanedo. Os e as socialistas critican que a “chapuza low cost” executada e rematada pola Xunta de Galicia hai escasos meses non serviu para solucionar a “grave” problemática que presentaba esta infraestrutura que acabou afundindo no día de onte.

Dende o PSOE ourensán lembran que xa no mes de xaneiro se desprazaron ata a zona para comprobar de primeira man a situación da ponte e denunciar o “desleixo” da Xunta de Galicia cara esta infraestrutura, que foi reformada a finais de 2023, coa instalación dunha capa de rodaxe e a rehabilitación do firme. Cabe destacar que a propia Xunta, a través da consellería de infraestruturas e mobilidade, recoñecía o 18 de abril de 2023 nunha carta enviada ao alcalde de Xunqueira de Espadanedo que a ponte “non tiña ningún problema estrutural, pero si precisaba de modo prioritario da rehabilitación do firme”.

AVANTAR ACTIVIDADES

A deputada autonómica electa do PSdeG-PSOE de Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, afirma que tralo derrubamento “queda latente que o problema era claramente estrutural, e tal e como denunciamos os e as socialistas, a reforma low cost executada pola Xunta non serviu para solucionar a grave problemática que presentaba a ponte, na que o firme afundira novamente escasas semanas despois do remate das obras”. A futura parlamentaria socialista subliña que “por sorte non hai que lamentar danos persoais, pero estamos ante unha chapuza pola que alguén debe responder”, ante o que considera “unha grave neglixencia”.

Pola súa banda o voceiro do PSdeG-PSOE en Xunqueira de Espadanedo, Gustavo Hermida, fai fincapé en que a nivel municipal “levamos varios plenos reclamándolle o alcalde que puxese en coñecemento da Xunta de Galicia a problemática que presentaba a ponte, pero sempre respondeu con evasivas, dicindo que os técnicos non apreciaban ningún problema estrutural”. Tralo colapso da ponte, o concelleiro socialista pon de manifesto que “claramente existía un problema estrutural, posto que non é de recibo que tras unha reforma, o firme volva a afundir, provocando un socavón de grandes dimensións, que rematou co colapso desta infraestrutura”.

Os e as socialistas reclaman explicacións ao goberno autonómico en funcións e a conselleira de infraestruturas, Ethel Vázquez, máxima responsable no momento da reforma desta ponte. Acusan á Xunta de Galicia e o goberno autonómico do Partido Popular de abandonar “a súa sorte” as infraestruturas da provincia, provocando un “grave” desleixo á veciñanza, que ten que sufrir o deterioro das mesmas ante a “inacción” dos seus responsables.